Pontón mostra o seu "apoio e afecto" coas vítimas e cre que "non é o día de esixir responsabilidades"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparece ante os medios no Parlamento de Galicia.
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 28 octubre 2026 13:21

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu "apoio, solidariedade e afecto" ás vítimas e familiares do sinistro ocorrido este mércores na localidade toledana de Urda e sinalou que "non é o día de esixir responsabilidades" nin de "sacar conclusións precipitadas".

   Nunha declaración ante os medios no Parlamento, a líder do Bloque expresou que este tipo de sinistros tocan "no máis profundo" aos galegos, coa memoria no accidente de Angrois, en Santiago, en 2013 no que perderon a vida 80 persoas.

   "Aquí tamén vivimos un accidente que sigue marcando as nosas vidas e que lamentablemente non foi investigado no seu momento como debería", apuntou antes de sinalar que sinte como "propio" a dor dos afectados.

   Tamén mostrou todo o seu "recoñecemento e apoio" ás persoas que traballan nos servizos de rescate de emerxencias, que afrontan "un enorme impacto emocional".

   Tras avanzar que o BNG suspende toda a súa axenda para estar pendentes de como evoluciona a situación en Castela-A Mancha, Pontón puxo a disposición "toda a forza" e todo o que poidan facer nun momento como este, insistindo en que "a prioridade" debe ser "axudar e colaborar para que canto antes se poidan levar adiante todas os labores de rescate e que o impacto sexa o menor".

   Por último, a portavoz nacionalista subliñou que hoxe non é o día "para esixir responsabilidades, nin explicacións, nin para sacar conclusións" que, recoñeceu, "poden ser precipitadas". Tempo haberá, dixo, para esclarecer "cales son as responsabilidades" porque "neste momento toca estar á beira das vítimas".

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado