SANTIAGO DE COMPOSTELA 12 Jul. (EUROPA PRESS) -
O portavoz do grupo municipal do PP de Santiago, Borja Verea, lamentou o "'erre que erre' --veña e dálle, en galego--" da alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, co acto de Alba de Compostela, unha cita institucional que a rexedora nacionalista impulsa con vontade de que perdure desde este 25 de xullo na xornada na que se cumpren 75 anos do discurso Alba de Gloria de Castelao.
En declaracións aos medios despois de que a alcaldesa dixese que este acto se vai a manter e que deu información á oposición (PP e PSOE criticaron este acto), Borja Verea cualificou este acto de "ocorrencia do BNG" e emprazou á rexedora a que se faga "consenso e seguindo as canles institucionais, tendo en conta a opinión de 17 dos 25 concelleiros da corporación que lle están dicindo "que as cousas non van así".
Após lembrar que os títulos e as condecoracións "teñen a súa propia normativa", o líder dos populares santiagueses insistiu en apelar a Goretti Sanmartín a que "recapacite" e que "non faga este acto sen ter o consenso de todos".
"Imos empezar de cero", instou o tamén deputado autonómico, quen advertiu de que "non pode cambiar toda a historia da cidade que ten 40 anos", apelando a que "non houbo nin unha condecoración nin un só premio" na capital que "non se dese co consenso de todos" e "moito menos un acto destas dimensións que afectan tanto á sensibilidade e ao corazón dos composteláns".
En todo caso, mostrouse "convencido" de que a alcaldesa "se vai a asesorar e recapacitar" e que "non vai seguir en contra de toda a corporación" municipal.