A CORUÑA 2 Dic. (EUROPA PRESS) -
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, manifestou que a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número 70 de Madrid para que os bens que están no Pazo de Meirás, e que o Estado reclama, permanezan de momento alí en depósito ata que o preito que mantén a Administración coa familia Franco finalice coincide "co sentir maioritario da sociedade galega".
En concreto, o xulgado resolve favorablemente a medida cautelar solicitada pola Administración Xeral do Estado e o Consello de Administración do Patrimonio Nacional ao decretar que os bens identificados na demanda, incluídos os que pertenceron á escritora Emilia Pardo Bazán, queden en depósito baixo a custodia do Estado.
"É un paso positivo, a xustiza está a dar a razón constantemente ás administracións que lideramos un cambio histórico respecto da titularidade do Pazo de Meirás", dixo en alusión ao Estado, a Deputación da Coruña, os concellos da Coruña e Sada e tamén a Xunta.
"Ese pazo está recuperado para o público e a xustiza, en cada paso que dá, reafírmao máis", expuxo Formoso para quen "coincide co sector social maioritario". Por outra banda, argumentou que os bens que hai no inmoble "merecen un tratamento coidadoso, prudente, até aclarar a titularidade de todos eles".