SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Mar. (EUROPA PRESS) -
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, insistiu este luns en que non se autorizará ningún parque de eólica mariña que poña en perigo ao sector pesqueiro e precisou que os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) só determinan as zonas nas que se poden desenvolver parques e non supón que "todas esas zonas vaian estar infestadas de muíños".
Preguntado sobre as protestas que o sector pesqueiro mantén contra estros proxectos despois da aprobación dos POEM, Álvarez subliñou que estes só prevén unha "posibilidade de uso". "Non determinan nin cal é a extensión, nin a amplitude nin a potencia dos eventuais parques", sinalou.
Así, comparounos cos plans xerais de ordenación municipal (PXOM) . "O que se establece é unha ordenación sobre o territorio e dise onde se poden construír vivendas, naves industriais ou zonas verdes. Iso non quere dicir que onde se pode construír vaia a ser todo edificios", dixo.
Após iso, transmitiu "tranquilidade" ao sector e subliñou que o Goberno do Estado "non vai autorizar ningún tipo de implantación de eólica mariña onde haxa un estudo que evidencie unha afectación negativa sobre calquera ámbito".