SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -
O candidato á reelección como secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, asegurou que "hoxe as persoas pasan a un segundo plano" na celebración do XII Congreso do PSdeG, no que compite coa exministra Elena Espinosa para liderar aos socialistas galegos, xa que este sábado "en Galicia se vai escribir unha páxina que vai marcar un punto de inflexión cara a un cambio político".
En declaracións aos medios tras facer entrada ao Pazo de Congresos de Santiago acompañado, entre outros, do alcalde de Lugo, José López Orozco, a deputada no Congreso Laura Seara e o secretario de Organización, Pablo García; Pachi Vázquez destacou que neste conclave socialista "400 homes e mulleres, que case non coñece ninguén fóra dos seus territorios teñen nas súas mans o futuro do partido". "Eu confío neles e espero que eles confíen en min", apostilou.
Nesta liña, expresou que "hoxe é un día de alegría", para a liña seguida asegurar: "Chegamos aquí en boa harmonía pensando no futuro de Galicia".
"Hoxe remata un proceso e empeza un proceso novo, e estou seguro de que o futuro do socialismo galego vai estar claramente vinculado ao futuro de Galicia, e niso é no que imos traballar estes días", afirmou Vázquez a preguntas dos xornalistas.
Neste sentido, avogou por traballar "dende a tranquilidade, dende a normalidade, dende a ilusión e o compromiso" con Galicia.