SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Jun. (EUROPA PRESS) -
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, reprochou a "hipocrisía" da Xunta ao premiar nas Medallas Castelao ao expresidente da Real Academia Galega (RAG) Víctor Freixanes e á médico de familia Rosa Rodríguez, mentres "practica calquera tipo de recorte" nestes ámbitos.
En rolda de prensa este luns, a viceportavoz socialista sinalou o acto de entrega das Medallas Castelao celebrado este sábado que, a pesar de que puxo en valor este evento "de recoñecemento a persoas e institucións" e que é "un orgullo colectivo de pobo", opinou que se tratou "dun acto para tapar as malas políticas do PP".
"Nunha man ten a medalla e na outra ten unha esquiladora para practicar calquera tipo de recorte", apuntou antes de criticar que a lingua galega está "en mínimos histórico" e que "mentres fai este recoñecemento aquí, despois pon como exemplo que se teña que usar un pinganillo para escoitar outras linguas".
No mesmo acto, lembrou Lara Méndez, entregouse unha Medalla a unha profesional de Atención Primaria, á vez que "esmorecen os centros de saúde".
"TRUMPISMO"
Do mesmo xeito, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "vender un perfil de centro e moderado", mentres "evita criticar a Ayuso" e "pactan con Vox en calquera territorio". "En Galicia xa temos un dous por un, porque os posicionamentos da dereita e da extrema dereita xa están incluídos dentro do PP", apostilou.
Así mesmo, sinalou que "roza a indecencia" que "se renda ao trumpismo" ao falar de que "hai unha estratexia de deslexitimización democrática". Tamén lamentou que reivindique a presunción de inocencia para o exconselleiro do Mar Alfonso Villares, denunciado por unha presunta agresión sexual, e "apoien anónimos" como no caso que deu pé á 'Operación Pulpo', pechada finalmente este mes.
"Pero como o obxectivo do PP non é outro que lograr réditos políticos independentemente das súas malas praxes, pois ese é o escenario onde se move e traballa o PP", recriminou.
Así, defendeu que Galicia necesita "un goberno á altura" que se preocupe "polos problemas reais" dos galegos e que queira "dar solucións efectivas a todas as necesidades".