SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Nov. (EUROPA PRESS) -
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cuestionou as protestas dos mariscadores de Ferrol por non pagamentos dos traballos que desenvolven na ría, ao considerar que "un mes de atraso non é tan importante como para ter estas manifestacións que están a ter". Ao respecto, adiantou que o Consello da Xunta aprobará este xoves o pagamento correspondente aos labores de setembro.
"Un mes de atraso non é tan importante como para ter estas manifestacións que están a ter. Pero bo, imos escoitarlles a ver qué problemas teñen. Imos escoitalos a eles como sempre fixemos dende a Xunta de Galicia", afirmou Quintana en declaracións aos medios de comunicación antes de reunirse con membros da confraría nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente en San Caetano.
Xunto ao titular deste departamento, Agustín Hernández, a responsable galega en materia de pesca subliñou que o Goberno galego "mantén sempre aberta a vía de diálogo", pero cuestionou que non sabe "moi ben a conto de que veñen estas actitudes que están a tomar" os mariscadores ferrolanos, porque están perfectamente informados".
Así, recoñeceu que "é certo que se lles deben" as mensualidades de setembro e outubro, pero se referiu á reunión de agosto, cando lles explicou que o seu departamento "ten dificultades" para conseguir o diñeiro". É "un trámite administrativo complexo", indicoulles entón, pero agregou que así como vaian dispoñendo das partidas "íaselles ir pagando".
VECIÑO DE CAMBRE
Sobre o veciño de Cambre (A Coruña) que asegura que se lle deben 7.000 euros, a conselleira comentou que lle resulta "difícil de entender", porque Mar só ten pendentes pagamentos de setembro e outubro a 389 persoas.
"Creo que hai algún erro aí", apuntou. Ao respecto, sinalou que "non sei qué tipo de débedas pode ter este señor, pero dende logo" a Xunta non lle debe 7.000 euros polos traballos dos dous últimos meses.
Este mesmo mércores, a Consellería do Mar decretou a reapertura do marisqueo na ría de O Burgo. "Tivéronse os resultados hoxe pola mañá", ratificou Rosa Quintana.