SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 Jul. (EUROPA PRESS) -
Reganosa alcanzou en xuño os 100.000 xigavatios/hora (GWh) de gas natural licuado (GNL) desembarcados no seu terminal de Mugardos (A Coruña), tras a súa entrada en operación a mediados de 2007.
A actividade da planta permitiu elevar o índice de gasificación de Galicia, é dicir, o número de consumidores por cada cen habitantes, que pasou do 6,8% ao 8% durante este período de actividade.
Cando Reganosa iniciou a súa actividade, o índice de gasificación era do 6,8%, con 187.969 puntos de subministración, mentres que o ano último se pechou con 222.248 puntos de subministración.
Na actualidade, hai 55 concellos galegos con gas natural, dos que 48 reciben o combustible a través de gasoduto, mentres que oito utilizan plantas satélite de GNL, ás que o combustible chega por medio de camións cisterna cargados en Mugardos.
DEMANDA
Respecto á demanda de gas en Galicia, en 2006, antes de que a regasificadora de Mugardos entrase en operación, Galicia supoñía só o 1,62% do consumo español, mentres que en 2011 xa crecera ata o 3,43%. Nese prazo, o consumo convencional -que exclúe o vinculado á xeración de enerxía eléctrica en centrais de ciclo combinado- pasou dos 6.333 xigavatios/hora a 8.079 GVh.
Nun comunicado, Reganosa destaca, non obstante, que o nivel de consumo en Galicia "deberá manter a súa liña de crecemento para alcanzar os valores das comunidades autónomas máis desenvolvidas". Ao respecto, subliña que as emisións atmosféricas de CO2 son, no caso do fuel óleo, unha 36% superiores, mentres que coas do carbón superan nun 82% ás do gas.
Entre os consumidores de gas natural en Galicia destacan os hospitais públicos de A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía. Tamén a empresa galega está a apostar por este combustible, como no caso de Coren,
Reganosa subliñou que non se ocupa da comercialización do gas natural, senón que é "unha mera receptora e almacenadora do produto", mentres que a venda corresponde a diversas compañías, que compiten entre si.