SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Nov. (EUROPA PRESS) -
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reúnese este venres co rexeitamento da Facultade de Medicina á descentralización do grao sobre a mesa.
A Facultade non foi a única que expresou o seu descontento co acordo alcanzado polo tres universidades públicas galegas e aprobado xa por Docencia Clínica e a UDC. Estudantes e as candidatas a reitoras da USC emitiron comunicados nos que rexeitan frontalmente a medida.
Neste contexto, o Consello de Goberno estudará a situación durante a mañá deste venres. O reitor, Antonio López, dirixía este luns un escrito á comunidade educativa, após coñecerse o rexeitamento da Facultade, no que expresaba a súa "frustración". Falaba mesmo de "oportunidade perdida".
O máximo responsable da universidade compostelá remarcaba que tanto a facultade como os departamentos que imparten docencia no grao "foron debidamente informados" sobre un proceso negociador "longo e complexo".
"A lealdade institucional e a visión de país guiaron sempre a miña posición neste asunto. Non podo deixar de expresar un profundo sentimento de frustración ante unha situación que, estou seguro, supón a perda dunha gran oportunidade para facer da Facultade de Medicina de Santiago a Facultade de Medicina de Galicia, evitando a fragmentación duns estudos que, lamentablemente, parece cada vez máis próxima", destacaba.
UN ACORDO "INAPROPIADO" PARA A FACULTADE
Horas antes, a Facultade de Medicina facía público o rexeitamento que, entre liñas, viña manifestando días atrás. Considera que, "na súa redacción e formulación actuais", o acordo non é "apropiado". Por iso, solicitaban unha revisión "substancial" do mesmo para ser apoiado pola Xunta.
"A excepcionalidade deste modelo proposto pode crear un precedente grave que erosione a cohesión e a planificación do sistema universitario galego, fomentando modelos ad hoc, negociados á marxe de criterios académicos e científicos, con efectos regresivos para o conxunto da universidade pública en Galicia", aseguran.
Entre os puntos a revisar, pedían definir concretamente o termo 'unidade docente descentralizada' e describir as súas competencias "sempre baixo a organización académica actual da USC", así como avaliar o impacto docente, asistencial, investigador e económico da iniciativa, ademais da incidencia sobre a mobilidade e equidade do estudiantado.
Así mesmo, critican o calendario de implantación da docencia teórica nos cursos 2027-2028 e 2028-2029, posto que consideran que "iniciar a docencia teórica no curso 2027-2028 coa docencia expositiva de 5º curso dun plan actualmente en extinción, resulta prematuro e non factible, con duplicidade de materias".
Sobre isto, propoñen a descentralización da docencia expositiva de cuarto curso para 2029-2030 e a correspondente a 5º curso para 2030-2031, "o que supón un mínimo retrado no calendario inicial, pero garante a non colisión do plan en extinción co novo, por unha banda, e por outro, que ningún estudante matriculado na actualidade teña que ser descentralizado".
"GALICIA NON NECESITA MÁIS FACULTADES"
Entre as peticións tamén está a revisión da adscrición do profesorado das unidades docentes. Consideran que o feito de que o 50% do profesorado que imparta docencia nas novas unidades non teña vinculación coa USC é "inédito" e pon en perigo a "coherencia académica e o control de calidade".
Por outra banda, esixen que se estableza "inequivocamente" que todas as unidades descentralizadas estarán baixo a autoridade académica directa da Facultade de Medicina da USC, que non se realice a descentralización "forzada" de ningún estudante que non o solicite e que se inclya representación estudantil na Comisión de Seguimento
Por último, a Xunta dedica varios puntos á hipotética creación de novas facultades de Medicina. Así, piden que se inclúa unha cláusula explícita que impida que estas unidades descentralizadas poidan "derivar en futuras solicitudes" para crear novas facultades. "Galicia non necesita máis facultades, senón reforzar a estrutura que xa funciona", aseguran.
De feito, solicitan a eliminación da frase que finaliza os anexos: "Antes do vencimiento do convenio: novas propostas de descentralización".
Entre medias, tanto o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, como o de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, apoiaron o acordo e animaron ás partes a ver "con altura de miras" unha iniciativa "positiva" para universidades, estudantes e comunidade médica de Galicia.