Rueda enxalza o cumprimento do 87% do programa e pon deberes: "Hai que traballar máis a partir de agora"

Destaca políticas en educación, vivenda e sanidade e pide ir "etapa a etapa", co foco nas municipais e "estar preparados" para as xerais

El presidente de la Xunta y líder del PPdeG, Alfonso Rueda, junto a su equipo de gobierno en el acto 'Galicia goberna' celebrado en Vigo.
PPDEG
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 16 mayo 2026 15:05

   VIGO, 16 May. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou o cumprimento do 87% do programa electoral co que os populares se presentaron aos comicios autonómicos de 2024 e do que, este sábado, algo máis de dous anos despois de que repetisen maioría absoluta, fixo balance nun acto en Vigo.

   Baixo o lema 'Galicia Goberna', celebrado na sede de Afundación da cidade olívica, onde se deron cita unhas 400 persoas, o titular do Goberno galego celebrou o cumprimento desas medidas, pero tamén instou aos seus a "traballar moito máis a partir de agora".

   "Prometo ao coordinador deste programa que cando chegue o final da lexislatura estará completo e, se algo non puido ser, explicarémolo", comprometeu.

   A continuación, Rueda subliñou que "ningún outro partido" podería celebrar este acto e, apuntando ao PSdeG, sinalou que ten "moi pouco que celebrar" por estar "na supervivencia". "Están na supervivencia do xefe supremo. Eles saberán se non vale a pena mollarse por Galicia para quedar ben con alguén a quen non lle importa moito Galicia", lamentou.

   Sobre o BNG, o presidente da Xunta convidou a súa portavoz nacional, Ana Pontón, a comprobar o avance "das vivendas que di que non existen" visitando o proxecto que a Xunta ten en marcha en Navia.

   "O 'non' a todo combátase dunha maneira sinxela, cun si rotundo. Dúas letras nada máis, 's' de sentidiño e 'i' de impulso", manifestou Alfonso Rueda.

"CHEGAN AS ETAPAS DE ALTA MONTAÑA"

   Así, tras a intervención de todos os conselleiros do seu equipo de goberno, a excepción de Diego Calvo, que se atopa de viaxe institucional, Rueda empregou un símil deportivo e, falando de ciclismo, trasladou aos seus que están "a piques de chegar ás etapas de alta montaña".

   "Está moi ben ir de primeiros, terminar tanto até agora, pero o importante é traballar moito máis a partir de agora", subliñou o presidente do PPdeG.

   Nesta liña, despois de defender a súa "esixencia" como líder do partido, mostrou o seu compromiso para "motivar aos equipos" a cumprir cos obxectivos, polo que afirmou que "toca pór deberes até o último día".

   "Oxalá non sexa necesario esprintar", apuntou antes de sinalar que afrontarán esas "etapas de alta montaña" como o fixeron até agora: "Hai que pedalear, porque se non pedaleas xa sabes que pasa, e se pedaleas de máis querendo quedar ben e esquecéndote de cal é o obxectivo final, se cadra te quedas sen forzas e tes que baixarche da bicicleta".

   Así, detallou as seguintes "etapas", comezando por unhas municipais para as que augurou que terán "máis alegrías", co foco en manter as alcaldías logradas até agora e "conseguir moitas que non hai moito tempo parecían imposibles".

SEGUNDA ETAPA: XENERAIS

   O seguinte chanzo, dixo, serán as xerais, "cando o gobernante máis egoísta que tivo nunca España decida que lle convén darlle ao botón". Para cando chegue ese momento, Rueda pediu aos seus "estar preparados" e poder darlle a Alberto Núñez Feijóo "o mellor resultado".

   Tras iso, engadiu o presidente popular, chegarían as eleccións autonómicas, pero insistiu en ir "etapa por etapa" e "seguir cumprindo e gobernando"".

   "Non imos de soberbios, pero tampouco hai que ir de tímidos sen necesidade. Galicia é moi grande, ten unha potencia enorme, unha estabilidade e unha maneira de facer as cousas que cada vez suscita máis atención para ben. Pensemos no moito que andamos, pero sobre todo no moito que queda por andar", concluíu.

ÁREA A ÁREA

   O acto abriuno a responsable do PP vigués, Luisa Sánchez, que deu paso ao coordinador do programa electoral dos populares, Valentín García, que celebrou que "o 87% está cumprido ou en vías de cumprimento".

   Xa coas intervencións do equipo de goberno, comezaron as responsables de Mar e de Medio Rural, Marta Villaverde e María José Gómez, que resumiron as principais medidas dos seus respectivos departamentos, ás que seguiu o conselleiro de Emprego, José González, que puxo en valor a folla de ruta da súa área: activar o talento a través da formación, atracción de talento e apoio ao emprendimiento e a autónomos.

   A continuación, o conselleiro de Lingua, Cultura e Xuventude, José López Campos, destacou que Galicia vive "o mellor momento da súa historia no ámbito cultural". Tamén puxo o foco na lingua galega, onde remarcou "os marcos" da Xunta no proceso de negociación para alcanzar un pacto polo galego: "Equilibrio lingüístico e liberdade lingüística".

   López Campos deu paso ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que enxalzou, en primeiro lugar, a aposta pola prevención, co foco no calendario de vacinación. Tamén reivindicou a adaptación do sistema público ao contexto galego, así como a importancia da atención primaria e a modificación da lei de saúde de Galicia.

   Tomou a palabra a continuación a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que asegurou que 2028 será o ano no que a Administración autonómica estará "a urbanizar e edificando".

   "Ter orzamentos aprobados en tempo e forma todos os anos axuda a cumprir", iniciou a súa intervención o conselleiro de Facenda e Admnistración Pública, Miguel Corgos, que expuxo que o obxectivo do seu departamento pasa por lograr "servizos públicos sustentables" e "non deixar pufos a xeracións futuras".

   A continuación, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mirou cara ao crecemento das empresas galegas a través de "gañar en competitividade", destacando a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, o aumento de chan empresarial ou a saída dos concursos mineiros, entre outros. En definitiva, resumiu, "dúas estratexias principais": "mellorar a innovación empresarial e a estratexia de seguridade e defensa aeroespacial".

POLÍTICAS SOCIAIS

   Á responsable de Industria seguiuna a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que lembrou as prioridades da súa área: "traballar polas familias, as persoas maiores, as persoas en risco de exclusión e a discapacidade e dependencia".

   Na súa quenda, o conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, relatou que os resultados sitúan a Galicia "en postos líderes" en variables como ciencia, pensamento creativo ou inglés e indicou que o obxectivo final é "formar ás persoas para que poidan traballar no futuro", para o que reivindicou o "impulso" á formación profesional e a adaptación de titulacións universitarias "ás profesións do futuro".

   Por último, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou a senda do litoral, así como os investimentos en depuradores e tratamento de augas, o mercado voluntario de créditos de carbono, para concluír co compromiso de contar cun parque canino en cada cidade, sobre o que avanzou que esta semana asinarán o convenio con Lugo.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado