Rueda, con "moi poucas esperanzas" de acordo en financiamento, reduce a "paripé" a reunión do CPFF e apoia aprazala

Descoñece se Junts podería avalar a proposta, pero ten claro que ningún partido catalán "diría si" de recibir "a oferta de Galicia"

1107443.1.260.149.20260728142535
Vídeo de la noticia
Rueda, nunha entrevista concedida a Europa Press, en Santiago de Compostela. - CÉSAR ARXINA / EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 28 julio 2026 14:25

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é pesimista en relación á posibilidade de alcanzar un acordo que permita actualizar o modelo de financiamento autonómico e ten "moi poucas esperanzas" de que frutifique. Moi crítico coa "présa" estival do Goberno central, ve "un paripé" a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) convocada para este mércores, que apoia aprazar.

    Así o trasladou nunha entrevista con Europa Press, sen saírse do guión da demanda de pospor a cita que secundan as comunidades do PP. Non en balde, Rueda recoñeceu que na conxuntura actual, "desgraciadamente", non ve "opcións reais" de que poida saír adiante un pacto que permita renovar o modelo de financiamento.

    A base da negociación dun acordo "tan difícil" como este, argumentou, está en mans dun Goberno, o que dirixe o socialista Pedro Sánchez, que "non foi capaz de aprobar un orzamento en toda a lexislatura". Por iso, interpreta que "hai gran parte de paripé, de facer grandes promesas e logo botar a culpa a outros de que non se chega a acordos".

    "Cando alguén quere chegar a acordos, as cousas non se fan así, de présa e correndo, tentando facer ofertas de modo bilateral, para que ao final, cando todos estean sentados, sexa un paripé porque os acordos entre dous xa veñen tomados de antes. Non me gusta nada o que estou a ver", sentenciou.

    Rueda aludiu á necesidade de analizar a información e as alegacións --resaltou que as de Galicia son numerosas, por exemplo--. "O lóxico sería ter un tempo para consideralas", insistiu, antes de reprobar as "présas" do Executivo estatal para tratar de pechar "un acordo tan complexo en vésperas de agosto".

"O DE MENOS SERÍA SE SE VAI OU NON"

   Sobre se a Xunta (o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos) acudirá á reunión se esta non se pospón finalmente, Rueda insistiu en que "o lóxico" sería aprazala e non ratificou cal será a decisión final. "Xa veremos", reflexionou, aínda convencido de que "participar no paripé non ten moito sentido".

    "Eu sempre digo que hai que tentar ir a todas partes, pero cando os que che convocan a estes foros teñen algunha intención de chegar a un acordo. O de menos sería se se vai ou non, tal e como se está expondo agora", reflexionou, convencido de que "ía servir de moi pouco".

POSIBLE APOIO DE JUNTS?

   No transcurso da entrevista, cuestionado acerca de se vería posible que, se o debate chega ao Congreso, o Goberno poida lograr o aval de Junts a un novo modelo de financiamento, respondeu con outra pregunta: "Quen sabe o que están a falar agora mesmo entre Moncloa e os distintos partidos cataláns?".

    A este respecto, insistiu en que a proposta de financiamento que o Executivo puxo sobre a mesa "empeora" a posición relativa da comunidade galega. "Se pasamos de ser os mellores financiados relativamente aos penúltimos é porque algúns outros melloraron moitísimo", advertiu e apuntou a Cataluña.

    De feito, esgrimiu que a comunidade catalá recibiu un trato "preferente" do Goberno "durante toda a lexislatura". "Non se que farían. Pero, desde logo, se recibisen a oferta de Galicia, estou seguro que nin Junts, nin ningún partido catalán, diría que si", resolveu.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado