Rueda reivindica presunción de inocencia para os altos cargos imputados na 'Operación Campeón'

Alfonso Rueda, En Comparecencia De Prensa En La Xunta
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 1 julio 2011 16:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA 1 Jul. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, reivindicou "a confianza na presunción de inocencia" dos altos cargos imputados na 'Operación Campeón' --que investiga supostas irregularidades na concesión de axudas--, despois de que outros tres cargos da Xunta (neste caso da Consellería de Medio Ambiente) fosen chamados a declarar en calidade de imputados pola xuíza que instrúe o caso, Estela San José.

Concretamente foron chamados a declarar a directora xeral de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e outros dous subdirectores desta mesma consellería, que se suman ás imputacións do director xeral do Igape e o subdirector desta entidade.

"A actitude vai ser a mesma: máximo respecto coas instancias xudiciais, máxima colaboración e, por suposto, dereito á presunción de inocencia en calquera persoa", manifestou o conselleiro Rueda preguntado polas novas imputacións.

Neste sentido, recordou que se trata dun caso que permanece baixo segredo de sumario e que, polo tanto, "non se ten coñecemento de cáles son os cargos". Ademais, incidiu en que "acaba de coñecerse a imputación, que quere dicir, simplemente, que están chamados a declarar nun asunto que está baixo segredo de sumario".

Así non aclarou se a Xunta estaría disposta a abrir unha investigación interna e limitouse a dicir que o caso está "baixo segredo de sumario". Non obstante, mostrou a súa "máxima colaboración" coas instancias xudiciais e o seu "máximo respecto".

Contenido patrocinado