Rueda ve "adecuada" a decisión de Mazón de dimitir e cre que Feijóo foi "coherente de principio a fin"

Afirma que a determinación de permanecer ou non como deputado "é tamén" unha decisión persoal

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello da Xunta. - XUNTA
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 3 noviembre 2025 15:32

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o até agora presidente da Generalitat, Carlos Mazón, fixo "o correcto e o adecuado" ao anunciar a súa dimisión e defendeu que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, foi "coherente de principio a fin co que dixo e co que despois sucedeu".

   A preguntas dos medios tras a reunión do Consello da Xunta sobre se cre que chega tarde esta decisión, o titular do Goberno galego lembrou que "sempre" dixo que debía ser "unha decisión persoal" e, agora, tras escoitar as súas razóns e despois da homenaxe de Estado a pasada semana en Valencia, cre que "fixo o correcto e o adecuado".

   Con todo, sinalou que é "unha pena" que "non cunda o exemplo" e outros que teñen "moitas responsabilidades na dana sigan actuando con esa soberbia", así como en "facer ver que non vai nada con eles".

FEIJÓO, "COHERENTE DE PRINCIPIO A FIN"

   Ademais, cuestionado sobre a xestión de Feijóo neste asunto, Rueda insistiu en que o presidente do PP foi "coherente de principio a fin co que dixo e co que despois sucedeu".

   Para o tamén líder dos populares galegos, a decisión de Mazón "concorda con todo o que sostivo" Feijóo. Nesta liña, destacou que o propio Mazón expuña este luns na súa comparecencia que "nada máis producirse a dana" Núñez Feijóo díxolle que "tiña que pedir a solicitude de nivel 3 da emerxencia".

    "E equivocouse ao non facerlle caso, polo que creo que Feijóo estaba a dar consellos e tomando as decisións adecuadas. Había que preguntarse por que ao Goberno central non lle interesa e prefería ventilalo con aquel 'Se necesitan axuda, que ma pidan', que creo que acompañará durante toda a súa vida a Pedro Sánchez", aseverou.

   Doutra banda, preguntado sobre se entende que o responsable valenciano non deixe a acta de deputado, Rueda dixo que polo momento descoñece os termos, pero reiterou que "igual que a dimisión é unha decisión persoal", permanecer ou non como deputado "o é tamén".

   Neste punto, argumentou que nestes momentos "aqueles que pedían a súa dimisión no fondo pretendendo que permanecese para poder seguir pedindo a dimisión e tapar as dimisións doutros" agora "cambiarán o foco e dirán que o problema é que siga de deputado".

VOX: "MAZÓN APELABA Á MAIORÍA PARLAMENTARIA"

   Así mesmo, Alfonso Rueda tamén foi cuestionado sobre se lle preocupa a situación do partido a nivel estatal e se o PP queda en mans de Vox. A este respecto, o presidente da Xunta subliñou que o PP "ten unha maioría parlamentaria nas Cortes Valencianas", polo que, manifestou, Mazón "apelaba a que a maioría que lle permitiu ser presidente da Generalitat no seu momento" permita agora "unha transición e garantir a gobernabilidade".

   Neste sentido, destacou que, na súa opinión, "o máis importante segue sendo o proceso de reconstrución" que, engadiu, "nin moito menos está acabado", polo que reiterou que se necesita "un goberno que siga funcionando".

   "O que piden é facer iso posible conformando unha maioría que permita facer novo presidente e un novo goberno. Significa nin máis nin menos iso", resolveu.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado