SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Jun. (EUROPA PRESS) -
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) pechará este verán en torno ao 10% das camas dos seus hospitais, unha porcentaxe algo superior ao do ano pasado (un 8,3%). Un ano máis, a única área que non se verá afectada pola medida será a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, co 100% das camas dispoñibles.
Son datos ofrecidos a Europa Press pola Consellería de Sanidade, que incide en que a totalidade das camas hospitalarias están sempre dispoñibles no caso de que a demanda asistencial requira da súa utilización.
Explican que ultiman nestes momentos o plan de verán para a organización da asistencia sanitaria, tanto na atención primaria como no ámbito hospitalario.
Respecto deste plan, lembran que, para esta planificación asistencial, téñense en conta factores como os menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas debido á redución estacional de patoloxías e a correlativa redución de ingresos por enfermidade. Tamén se valoran estudos de actividade de anos anteriores.
En base a todo isto, increméntase entre un 10% e un 12% a demanda real para "garantir a calidade asistencial" durante o verán, período no que ademais se concentran as peticións de vacacións do persoal.
ÁREAS SANITARIAS
Máis pormenorizadamente, case todas as áreas sanitarias pechan arredor dun 10% das camas hospitalarias. A planificación estival por áreas sanitarias é a que segue.
O distrito sanitairo que máis camas pecha será o de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, que manterá operativas o 88% das camas. Apuntan que a ocupación media durante o verán do pasado ano foi do 69%.
Sen contar a área de Ourense --que mantén o 100% das camas, cunha ocupación o ano pasado do 83%--, a que menos camas pecha é a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que manterá operativas o 95,75%. A ocupación media aquí durante o verán de 2025 foi do 68,90%.
Pola súa banda, a área sanitaria da Coruña e Cee quedará co 90% das camas hospitalarias habilitadas durante o verán. A ocupación media durante o verán pasado foi do 85%.
A área de Ferrol manterá operativas o 91% das camas --a ocupación media no verán de 2025 foi do 69%-- e o distrito sanitario de Santiago de Compostela e Barbanza quedará co 90,9% --a ocupación foi do 71,8%--.
Por último, a área sanitaria de Vigo manterá operativas o 90% das camas durante o período estival, dado que a ocupación das mesmas o verán pasado foi do 82%.