SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Sergas presentou este venres unha proposta de melloras laborais para o persoal médico de urxencias hospitalarias ante a Mesa Sectorial. A reunión deste mes abordou, monográficamente, as demandas desta categoría profesional.
Destacan que os incrementos retributivos propostos supoñen un incremento progresivo do importe da hora de atención complementaria e o abono como xornada prefestiva a noite dos venres. Presentouse tamén a modificación do cómputo de réxime de descansos do persoal médico de urxencias hospitalarias, baixo os mesmos criterios que se acorden para o persoal da PAC e con aplicación retroactiva desde o 1 de xaneiro de 2026.
Así mesmo, o departamento sanitario autonómico mostrou a súa "disposición" a replicar o sistema de servizos de localización que se aplicou no último plan de inverno, "sempre que os picos puntuais de actividade asistencial justifiquen esa necesidade".
Nesta liña, comprometéronse a realizar no último trimestre do ano un novo estudo de necesidades da categoría de médico de urxencias hospitalarias "para avaliar a carga asistencial e a posible necesidade de novas prazas".
SINDICATOS, Á ESPERA DE MAIOR CONCRECIÓN
Sindicatos con representación na mesa, consultados por Europa Press, celebraron o que, "parece", apuntan, "boa disposición" por parte do departamento sanitario para buscar propostas de mellora.
Con todo, matizan que "pouco máis se pode dicir" até coñecer os detalles das propostas, que a Consellería de Sanidade enviaralles o vindeiro luns.