'Sirat' arrebata o Mestre Mateo a Mellor Película a 'Antes de Nós', que arrasa e iguala a marca de premios

A película de Ángeles Huerta recolle 13 galardóns e concentra a maioría dos artísticos e técnicos, con pleno en interpretación

Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 22 marzo 2026 11:01

   LUGO, 22 Mar. (EUROPA PRESS) -

   'Sirat' alzouse co premio a Mellor Película nos XXIV Premios Mestre Mateo e arrebatoullo a 'Antes de Nós', a gran nomeada desta edición. Con todo, a cinta de Ángeles Huerta sobre Castelao igualou a marca histórica de premios alcanzado por 'Dhogs', de Andrés Goteira, en 2017.

   A película era finalista en até 18 categorías, das que se levou 13 premios. Entre eles, Huerta sumou o seu segundo galardón a Mellor Dirección. A produción destacou nunha gran noite de protagonismo feminino, na que o 70% de premios recaeron en mulleres, e na que tamén houbo espazo para a defensa do galego, os servizos públicos e do "non á guerra".

   Mentres o filme de Oliver Laxe gañou noutras dúas categorías (Mellor Música Orginal, para Kanding Ray, e Mellor Son, para Amanda Villavieja), 'Antes de Nós' concentrou a maioría de galardóns artísticos e técnicos.

   Entre outros, venceu nas categorías de guion, que foi a Pepe Coira; dirección de arte, a Elia Carballos; dirección de fotografía, a Lucía C. Pan; dirección de produción, a Lucía Caramelo; maquillaxe e barbaría, a Chicha Blanco e Lorena Calvo; vestiario, a Aránzazu Domínguez, e montaxe, a Lucía Iglesias.

   Outra fazaña destacable é o pleno conseguido nas categorías interpretativas. Os protagonistas foron para Cris Iglesias, no papel de Virginia, e Xoán Fórneas, quen deu vida a Castelao. O actor citou a este político e escritor para reforzar a defensa do galego que fixo no seu discurso, no que avisou: "Si é verdade que o audiovisual galego está nun momento moi bo. O que non está nun momento tan bo é o cinema galego en galego. Estamos nun momento delicado, crítico".

   A categoría de interpretación feminina de reparto deixou unha sorpresa, cun 'ex aquo' ás actrices Luisa Merelas e Victoria Teijeiro. A Mellor Interpretación Masculina de Reparto recoñeceu ao falecido Miquel Ínsua, cuxo recordo estivo moi presente durante o acto.

   Neste contexto, 'As liñas descontinuas', de Anxos Fazáns --que aínda se pode ver en cinemas--, e 'San Simón', de Miguel Ángel Delgado, tamén nomeadas a Mellor Película, terminaron a noite índose sen premios.

   Completando as categorías exclusivamente cinematográficas, '360 Curvas', de Alejandro Gándara e Ariadna Silva, gañou a Mellor Documental; 'Curmán', de Alejandro Gato, a Mellor Curtametraxe de Imaxe Real, e 'O corpo de Cristo', dirixido por Bea Lema, acadou o galardón a Mellor Curtametraxe de Animación. Esta é unha adaptación do cómic homónimo asinado pola súa propia directora.

   'WEISS & MORAIS', MELLOR SERIE

   Por outra banda, 'Weiss & Morais' gañou a Mellor Serie, mentres que 'Bechos' foi recoñecida como Mellor Serie Web. Á súa vez, 'Cos pés na terra' alzouse co galardón a Mellor Programa.

   En canto ao resto de categorías, o premio a Mellor Videoclip foi para 'Hibernarse - Ou videofilme', a peza que acompaña ao EP de Fillas de Cassandra publicado en 2025, e 'Ao noroeste do oeste', de Undodez e Medio Limón, foi recoñecido como Mellor Anuncio Publicitario.

   O galardón a Mellor Comunicador levoullo Xosé Ramón Gayoso polo histórico programa 'Luar', que acumula máis de 30 anos en emisión na Televisión de Galicia. Mentres, Marcos Nine obtivo o premio a Mellor Realización por 'Historias de aquí'.

"NON Á GUERRA" E DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

   A defensa do idioma realizada por Fórneas non foi a única reivindicación que se escoitou durante os discursos da gala, que foron do "non á guerra" á defensa dos servizos públicos. "As tías que vimos de barrios como o Agra do Orzán, na Coruña, necesitamos servizos públicos porque non podemos pagar escolas que valen unha pasta", reclamou Cris Iglesias.

   Pola súa banda, a lingüista Rosa Moledo, Premio de Honra, chamou á defensa dos medios públicos "todos os días da semana: de venres a venres", en referencia ao movemento 'Venres Negros' da TVG.

   O chamamento contra a guerra estivo presente no discurso da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, que ademais remarcou a importancia da unión de todo o sector para fortalecer unha comunidade en constante crecemento e enxalzou o traballo das asociacións profesionais en defensa dos dereitos e a cultura galega.

   A gala celebrouse no Auditorio Fuxan vos Ventos de Lugo e estivo presentada por Trisha Fernández e o humorista Federico Pérez. En representación institucional, acudiron a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, entre outros.

Contador

Contenido patrocinado