A CORUÑA, 1 Feb. (EUROPA PRESS) -
O ministro de Cultura e portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, comprometeu a creación dun grupo de traballo para o "reforzo e o impulso da creación en galego". Fíxoo nun encontro previo co sector cultural, no que a candidata á Presidencia da Xunta desta formación, Marta Lois, apelou a acabar coa precariedade no sector.
Foi en declaracións aos medios, xunto ao Premio Nacional de Narrativa 2022 e membro da promotora de Sumar Galicia, Marilar Aleixandre, previo ao acto convocado na Fundación Luís Seoane.
Convencido de que Sumar "vai traer o cambio político na Xunta", Urtasun apelou a "toda aquela xente progresista que se mobilizou o 23 de xullo, cando xa o PP en España daba por feito a súa vitoria", para que se mobilice nas eleccións galegas e lograr o "cambio".
De Marta Lois, sinalou que "é a candidata que máis propostas está a facer". "Somos a primeira forza política aquí que estamos, por exemplo, trasladando a idea de que Galicia sexa, despois de Cataluña, a primeira en aplicar a regulación dos alugueres, as cuestións do reforzo da sanidade pública, da renda para os mozos".
"Marta Lois está a achegar á campaña frescura e ideas", sentenciou tamén para asegurar, a colación, que Sumar pretende implantar "as políticas transformadores reais que, por outra banda, xa demostramos no goberno de España que somos capaces de facer co salario mínimo, coa reforma laboral".
No ámbito cultural, destacou o momento "extraordinario" polo que atravesa o audivosual galego e aludiu a iniciativa como o Estatuto do Artista. A iso, engadiu iniciativas para a "defensa da lingua galega". Tamén comprometeu "a constitución dun grupo de traballo específico para "o reforzo e o impulso da creación en galego porque temos que coidar as nosas linguas e temos que coidar o galego".
"ABANDONO" DO PP
Pola súa banda, Marta Lois apelou á cultura como "un dereito e un signo da identidade" de Galicia. e denunciou as políticas de "abandono e desinterese" do PP nestes anos "por unha falta de orientación e de compromiso".
"Imos apostar firmamente pola denuncia da precarización do sistema cultural", sentenciou tamén a candidata de Sumar, quen avogou por "reestruturar e pór no lugar que se merece unha Consellería de Cultura, que aposte efectivamente polo que importa, que é o incremento orzamentario até o 2% para o ano 2028".
Tamén expuxo a reestruturación da Corporación de Radio Televisión en Galicia a partir do 18 de febreiro "cando haxa ese cambio político", aseverou en relación ás protestas de traballadores e as súas convocatorias dos 'venres negros'. Ademais, denunciou a utilización "propagandística" por parte do PP da mesma.
Fronte a iso, defendeu "apostar pola pluralidade e independencia" na citada corporación. Á súa vez, Marilar Aleixandre instou a promover "a cultura desde as aldeas" como unha forma tamén de incentivar o "desenvolvemento do territorio".