O TSXG falla contra a Seguridade Social e concede a un xubilado o complemento de maternidade con carácter retroactivo

A defensa deste pensionista anima aos homes a reclamalo en base a unha sentenza europea do ano 2019 que lles recoñeceu este dereito

Archivo - Arquivo - Sede TSXG
EUROPA PRESS - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 22 septiembre 2022 15:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou a favor dun xubilado ao que lle concede o complemento de maternidade na súa pensión con carácter retroactivo, despois de que lla denegase o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

Segundo consta na sentenza, contra a que aínda cabe recurso de casación, o home, xubilado e pai de catro fillos, solicitou en xaneiro do 2021 o complemento de maternidade, que lle foi desestimado. Posteriormente, en marzo do mesmo ano, interpuxo unha reclamación previa ante o INSS que tamén lle desestimaron.

Após acudir á xustiza para que llo concedesen, o Xulgado do Social número 7 da Coruña ditou sentenza o 16 de febreiro de 2022 pola cal empezou a cobrar o complemento de maternidade, pero non con efectos retroactivos, senón limitando os seus efectos ao tres meses anteriores á primeira solicitude.

Ante esta sentenza, o demandante interpuxo un recurso de suplicación, e o pasado mércores o TSXG fallou a favor do demandante. Así, condenaron ao INSS e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TGSS) a abonar o complemento de maternidade desde a data de acceso á súa pensión de xubilación, con efectos retroactivos desde abril de 2017.

UNIVE AVOGADOS ANIMA Aos HOMES A RECLAMAR

Segundo informou a firma Unive Avogados, os antecedentes desta sentenza datan do ano 2019, cando o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou que o artigo 60 da Lei Xeral de Seguridade Social --na súa redacción anterior-- era contrario á normativa europea e discriminatorio por razón de sexo ao recoñecer só ás mulleres o complemento por maternidade, pero non aos homes que cumprían os mesmos requisitos.

Desta forma, o avogado do pensionista que gañou a sentenza, Jesús Soage, animou aos homes a reclamar, posto que "por agora só aqueles afectados que reclaman teñen opcións reais de que se lles conceda o complemento", puntualizou.

"Os homes que reúnen os requisitos verán revalorizada a súa pensión para sempre entre un 5% e un 15% en función do número de fillos, ademais de percibir o que non que non percibiron desde a data de acceso á pensión até a data na que se lle recoñeceu o dereito ao cobrar o complemento de maternidade", sentenciou Soage.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado