SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Jul. (EUROPA PRESS) -
O sindicato UGT reclamou este martes que se "paralicen todos os procesos" derivados de concurso de traslados docente, anulado parcialmente por unha sentenza xudicial, ao tempo que criticou a "ineptitude" da Consellería de Educación, que non foi quen de garantir a "seguridade xurídica" da modificación no baremo do concurso.
Nunha rolda de prensa para analizar a situación xerada tras esta sentenza, o secretario de Pública da Federación Galega de Traballadores do Ensino (FETE-UGT), Abraham Vila, recordou que os sindicatos "cuestionaron" durante as reunións coa Administración a modificación do baremo e esixiron "garantías xurídicas". "Renunciar agora a recorrer esta sentenza é recoñecer a ineptitude da propia consellería", lamentou.
Tras criticar coñecer a sentenza e a decisión de non recorrer a través dunha "nota de prensa", Vila reclamou que "se paralicen todos os procesos que derivan do concurso xeral de traslados" e que o conselleiro, Jesús Vázquez, "dimita" por a súa "nefasta xestión".
Neste sentido, dende UGT apuntaron que na situación actual non poden resolverse os concursos complementarios, dado que estarían afectados polo cambio de baremo. "É de xustiza que se volva iniciar todo o trámite", explicou Abraham Vila.
DILUÍR RESPONSABILIDADE
Para o responsable de UGT, se a consellería "non tiña clara a seguridade xurídica" desta proposta "debería facer unha análise exhaustiva" desta para evitar situacións como a actual.
Por iso, botaron en falta "seriedade" por parte da Administración educativa e consideraron "lamentable" que Educación "trate de diluír a súa responsabilidade" neste caso "aludindo aos sindicatos", que non recorreron o baremo.
"Nós non cuestionamos a legalidade xurídica, pero non o tiñamos claro e criamos que podía pasar isto que pasou, por iso reclamamos que se analizase", explicou Abraham Vila, quen criticou que para Educación as mesas de diálogo cos sindicatos supoñan "un mero trámite" no que "non escoita as preguntas" que se lle formulan.
UGT reclamou á Xunta que convoque os sindicatos a un encontro para pactar con eles un calendario en orde de resolver a situación actual. Paralelamente, alertou de que os prexudicados por esta situación, tras a sentenza, "buscarán" resolver a súa situación a través da xustiza.