Álvaro Ballesteros - Europa Press
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Ene. (EUROPA PRESS) -
Vento, choiva, granizadas e tormentas deixaron máis de 250 incidencias --un total de 254-- rexistradas polo 112 desde as 00,00 horas até as 18,00 horas deste venres.
A caída de árbores e ramas nas estradas (58) e as incidencias por prevención de risco (38) seguen sendo as tipoloxías máis repetidas no que respecta ás incidencias do temporal.
Por provincias, destacan as de Pontevedra (117) e a da Coruña (92) incidencias, seguidas de Lugo (27) e Ourense (18).
O concello de Vigo foi un dos máis afectados cun rexistro de (19) incidentes, mentres que en Santiago de Compostela rexistráronse sete, seis en Ribeira, nove en Pontevedra, sete en Ponteareas, catro nas Pontes e outro catro en Culleredo.
Na provincia de Lugo, nos concellos de Begonte, Lugo e Cervo rexistráronse tres incidentes en cada un, do mesmo xeito que en Ribadavia e San Cibrao --na provincia de Ourense--.
CRISTAIS EN VIGO
Entre outras incidencias destacadas, ás 17,00 desta tarde un particular informou ao 112 de que caían cristais dunha fábrica abandonada encima dos coches, na Rúa de Falperra, en Vigo. Non houbo persoas afectadas. Informados a través o servizo de emerxencias, desprazáronse ao momento efectivos dos bombeiros, a Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vigo.
Tamén un particular informaba sobre as 17,00 horas de que a causa do vento caera a preto de formigón e ferro na estrada, na Rúa de Manuel Lago Lago. Indicaba que non había persoas afectadas pero que ocupaba toda a beirarrúa e parte dun carril da estrada. Foron mobilizados efectivos de bombeiros e a Policía Local.
En Ferrol, sobre as 16,30 horas tamén un particular comunicaba ao 112 Galicia que ía circulando pola Rúa do Sol e caeulle unha pedra ou uralita encima do coche. Ninguén resultou ferido.
En Pontevedra, un canlón desprendeuse e quedou sobre un banco da Rúa Amado Carballo. Así o indicaba o particular que chamou ao 112 Galicia para advertir de que existía risco de que saíse voando de novo. Non causou danos persoais.
Sobre as 17,30 horas, en Barro, un particular comunicaba ao 112 Galicia que un raio caera sobre un poste da luz. Aseguraba que non había feridos, tampouco ardía, pero dicía que os cables estaban tirados na estrada, en San Amaro.
Igualmente, ás 18,30 horas solicitouse ao 112 Galicia a saída dos bombeiros de Vilagarcía para a Rúa de Sucavirto, na Illa de Arousa. Un raio caera nunha vivenda e provocou a caída de cascotes. Tampouco houbo danos persoais.
ACCIDENTE NO TÚNEL DA MADROA
En Vigo, pasadas as 15,30 horas, houbo un choque entre un camión e un turismo no Túnel da Madroa. A colisión produciuse dirección Coruña, na AP-9, quilómetro 152, ao seu paso por Teis.
Un particular informou ao 112 Galicia, que pasou aviso á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil da localidade. Tamén foi alertado o persoal de control de Autoestradas, que xa tiña coñecemento do sucedido.
CAÍDA DUN TEITO NA CORUÑA
Na Coruña a caída dun teito deixou dúas persoas feridas. Sucedeu sobre as 16,30 horas. A esa hora, un particular contactaba co 112 Galicia para informar de que o teito dun cuarto dun centro de estética situado na Rúa Francisco Mariño, na Coruña, caera sobre unha traballadora e unha clienta.
O alertante aseguraba que estaban totalmente accesibles pero que estaban feridas. Desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia, aos axentes da Policía Nacional e Local e aos bombeiros.
XORNADA DE ALERTAS
No seu último parte, o 112 lembra os avisos de alerta de nivel amarelo por vento, choiva e tormentas activados para esta tarde na comunidade, ademais do nivel de alerta vermella que afecta o litoral das provincias da Coruña e de Pontevedra, e o nivel laranxa no litoral da provincia de Lugo.
Ademais, a Xunta de Galicia lembra que se mantén activado o 'Plan Inungal' co fin de facer un seguimento rigoroso dos caudais de 13 ríos.