Vigo manifesta o seu "pesar" polo falecemento de Enrique Curiel, unha "grande" persoa da que destaca o seu "compromiso"

Abel Caballero
AYUNTAMIENTO DE VIGO
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 2 marzo 2011 18:19

VIGO 2 Mar. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou, en nome da cidade, o "pesar" polo falecemento do ex vicesecretario xeral do PCE e ex parlamentario do PSOE Enrique Curiel, a quen cualificou como un "grande vigués que dedicou a súa vida a defender causas xustas".

Caballero, quen recordou, en declaracións aos medios, que coincidiu con el no Parlamento, explicou que Curiel entrou en política porque cría que era a forma de "mellorar a sociedade dende o posicionamento da esquerda" e que, de feito, el mesmo puido comprobar "o seu traballo defendendo ideas da esquerda progresista".

Así, tras destacar que mantivo unha vida de "servizo ao público dende o compromiso serio e vital", o rexedor socialista asegurou que "hoxe é un día triste" e que o falecemento "deixa a cidade" en consternación". "Representounos durante moitos anos", recordou, ao tempo que tamén transmitiu o seu pésame á familia.

Pola súa banda, o tenente de alcalde vigués, Santiago Domínguez Olveira, tamén lamentou "profundamente" o falecemento e trasladou o seu pésame aos achegados. De Enrique Curiel destacou, malia estar en posicións políticas distintas, o seu "compromiso e activismo na defensa das súas opinións, sempre dende posturas dialogantes".

O nacionalista recordou que coincidiu con Curiel sendo candidatos ao Senado por Pontevedra nas eleccións de 2004, destacando que compartiu con el "momentos de confrontación e debate". Nese sentido, incidiu en que a discusión sempre se fixo "dende o respecto, unha calidade que é moi de valorar nestes tempos en política".

PENSABA "NO INTERESE XERAL"

Pola súa parte, a presidenta do PP en Vigo e candidata á Alcaldía, Corina Porro, destacou de Curiel que, en política, "foi unha persoa que sempre defendeu o que el cría, sempre pensando no interese xeral" e, segundo estimou, "por iso nalgúns momentos mesmo se lle apartou".

Porro, que afirmou ter a "sorte de dicir que (Curiel) tamén foi amigo", incidiu en que el "era capaz de atopar un punto de encontro e diálogo permanente". "Perdeuse unha grande persoa á que tiña un profundo afecto", sinalou, en declaracións a Europa Press.

Contenido patrocinado