O xerente do Hospital Xeral Calde reivindica o seu compromiso co novo complexo lucense na súa toma de posesión

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 25 marzo 2008 19:18

LUGO 25 Mar. (EUROPA PRESS) -

O xerente do Complexo Hospitalario Xeral Calde de Lugo, Francisco Martínez Otero, tomou hoxe posesión nun acto no que reivindicou o seu compromiso co novo hospital lucense, un proxecto que incluíu entre os seus principais retos.

O acto estivo presidido polo secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Cayetano Rodríguez, quen garantiu que o novo complexo estará concluído "nun ano", tal e como comprometeu a Consellería de Sanidade.

Ademais, Rodríguez eloxiou o labor do anterior xerente, Miguel Ángel Fernández,que abandona este posto para tomar posesión como deputado por Lugo no Parlamento galego en substitución da socialista Margarita Pérez Herraiz, quen resultou elixida deputada do Congreso do Deputados nas pasadas xerais.

"Soubo interpretar magnificamente as aspiracións e vontades da maioría dos profesionais e usuarios do hospital de Lugo", destacou Rodríguez en referencia ao anterior xerente, que se emocionou durante varios momentos do acto.

"Non fixen máis que practicar o que creo que é a transparencia e a accesibilidade", respondeu Miguel Ángel Fernández, quen recoñeceu que "esta non foi unha decisión doada" e cualificou a súa estanza á fronte do Xeral Calde de Lugo como "dous marabillosos anos".

Varias decenas de profesionais sanitarios acudiron a este acto, que interrompeu un traballador para trasladarlle ao secretario xeral do Servizo Galego de Saúde algunhas reivindicacións laborais.

Contenido patrocinado