OURENSE, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -
O xuíz encargado da investigación xudicial da adxudicación de obras na Rúa Bedoya de Ourense tomou declaración como imputados aos tres empresarios que concorreron ao proceso no Concello e indagou durante hora e media sobre os motivos polos que se presentaron e como foron invitados ao proceso negociado sen publicidade.
O titular do Xulgado de Instrución número 1 comezou a toma de declaracións dos imputados no caso Bedoya á espera de que se resolva a recusación presentada por dous dos políticos imputados contra o titular do de instrución número 2, Antonio Piña.
A investigación xudicial xa conta coa declaración como testemuñas do interventor municipal e do xefe do servizo de infraestruturas do Concello de Ourense e este mércores, tras varias anulacións polo proceso de recusación, declararon como imputados os representantes legais das empresas Oca, Opain e Orega que concorreu en UTE con Betumes e Firmes, todas elas de Ourense.
A UTE e as outras dúas empresas foron invitadas a un procedemento de "adxudicación negociado e sen publicidade, convocado con urxencia" para non perder unha subvención para esas obras de mellora na rúa Bedoya, segundo o auto xudicial de marzo de 2014, que recolle a contía de 623.009 euros para o importe da obra licitada, tras a Xunta de Goberno do 6 de setembro de 2008, cuxos integrantes están tamén citados a declarar como imputados nos próximos días.
POSIBLE AMPLIACIÓN
O auto xudicial de marzo deu inicio a un procedemento "que se limita a examinar se concorren os indicios denunciados --por Democracia Ourensá-- de prevaricación administrativa" por vulnerar a normativa que obrigaba á súa tramitación con publicidade "todo iso sen prexuízo da súa posible ampliación á concorrencia doutros delitos", segundo o xuíz.
Nese sentido, os tres empresarios que concorreron invitados ao procedemento, foron convocados por escrito para presentar as súas propostas entre as que OCA foi a adxudicataria final, o representante legal da cal o é tamén de Betumes e Firmes, e á súa vez pai do representante de Opain.
Os tres declararon como imputados por un posible delito de concertación para alteración do prezo, en relación ao de prevaricación administrativa denunciado polo grupo político municipal DO.
Os empresarios, segundo fontes consultadas por Europa Press, responderon en comparecencias separadas a preguntas do xuíz sobre como souberon do concurso público para as obras e os motivos polos que as tres propostas presentaban tipografía e elementos comúns na súa documentación, aínda que os presupostos para as obras eran diferentes.
Segundo fontes próximas á investigación, as bases para a adxudicación limitan o tipo de letra e elementos da presentación de propostas, o que podería explicar, en parte, as similitudes das tres.
DEZ AVOGADOS
As declaracións destes primeiro imputados contaron coa presenza das secretarias dos xulgados de instrución número 1 e 2, ademais dos avogados de case todos os citados como imputados, ata unha decena. Non están comparecidos na instrución nin os denunciantes nin os tres empresarios.
As seguintes declaracións previstas son as do exalcalde de Ourense Francisco Rodríguez, a edil de Urbanismo en 2008 e na actualidade Áurea Soto e o extenente alcalde nacionalista Alexandre Sánchez Vidal.
O exrexedor está ademais imputado na operación Pokémon e no caso das asistencias técnicas do Concello de Ourense; a edil Áurea Soto estao tamén no caso das asistencias técnicas, no da residencia universitaria, no da praza de Santo Antonio e noutro por non dar acceso a un promotor á información do Plan de Urbanismo e Alexandre Sánchez Vidal dimitiu do seu cargo en 2009 tras ser imputado no caso dos paneis informativos, polo que finalmente foi absolvido polo Tribunal Supremo.
Os tres están citados para o xoves a partir das 10,00 horas no xulgado de instrución número 1 e seguiranlles os demais integrantes da xunta de goberno local de setembro de 2008, que adxudicou as obras e do que era asesor xurídico e agora xefe de insfraestructuras Luis T.I., que declarou como testemuña e o fará como imputado o día 24.