M. Dylan - Europa Press - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Sep. (EUROPA PRESS) -
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, avisa de que deberá chover de forma continuada "durante un mes" para que "se reverta esta situación de gravidade" de seca e se volva á "normalidade".
En declaracións este luns nun acto en Arteixo (A Coruña), a conselleira asegurou que estes "poucos días de choivas" son "benvidos", xa que "chegan como auga de maio".
No entanto, a conselleira deixa claro que a situación seca "é grave e segue sendo grave", polo que "esta choiva destes días non vai cambiar a situación", senón que só servirá para "paliar" que a gravidade non se incremente.
En declaracións á prensa, fixo un chamamento ás entidades locais e a cidadanía a continuar cun "esforzo de contención" e un consumo "responsable" de auga.
Así o apuntou nun acto no que avanzou que as obras de abastecemento ao polígono de Morás, en Arteixo (A Coruña), alcanzan o 30% de execución. Estarán finalizadas no primeiro trimestre de 2023 após un investimento de 4,1 millóns en colaboración co Concello.
CHOIVAS MÁXIMAS DA XORNADA
As máximas de choiva no que vai de luns en Galicia recóllense en: Santa Comba (67,3 litros por metro cadrado), Vilanova de Arousa (60,9 l/m2) e Carnota (59,8 l/m2).
Galicia atópase afectada pola influencia de baixas presións que provocaron unha fronte con choivas que entran de oeste ao leste, co furacán Danielle que segue o seu movemento polo Atlántico cara ao nordeste.