A Xunta levanta o confinamento dos veciños afectados polo incendio da Cañiza, que queima 200 hectáreas

Emerxencias emitiu por primeira vez o sistema 'ES-Alert' para instar a veciños de sete núcleos do municipio a que permanecesen nas súas casas

Varias persoas traballan nos labores de extinción, a 30 de xullo de 2025, na Cañiza, Pontevedra, Galicia.
Adrián Irago - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 31 julio 2025 9:45

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A Dirección Xeral de Emerxencias emitiu unha mensaxe 'ES-Alert' para concluír o confinamento da poboación da zona afectada polo incendio activo no municipio pontevedrés da Cañiza, que segundo as primeiras estimacións calcina unhas 200 hectáreas.

   Nesta comunicación, o servizo de emerxencias galego traslada aos veciños do Castro, O Chan do Val, A Portela, Portaleiras, Castiñeiro Longo, Barreiros e A Castiñeira o fin do confinamento decretado a pasada noite.

   Ademais, na alerta, enviada a través do sistema implementatado pola Xunta para enviar alertas de emerxencia a través do 112 Galicia aos teléfonos móbiles situados na zona afectada por unha emerxencia, ínstase á cidadanía a manterse atentos ás indicacións das autoridades.

   Tal e como informou a Consellería do Medio Rural, o incendio, no que se declarou a Situación 2 de emerxencia como medida preventiva pola proximidade do lume a vivendas do núcleo de Nogueiró, permanece activo e queimou xa unha superficie de ao redor de 200 hectáreas.

   O lume iniciouse ás 16.23 horas deste mércores e para a súa extinción mobilizáronse 13 axentes, 25 brigadas, 15 motobombas, cinco pas, seis técnicos, seis unidades técnicas de apoio, cinco avións e oito helicópteros. Ademais, incorporáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

PRIMEIRO USO DO SISTEMA EN SITUACIÓN REAL

   O pasado 15 de outubro equipos de emerxencias das administracións estatal, autonómica e central participaron na Coruña nun simulacro que serviu para testar en Galicia o sistema de alertas masivas por móbil 'ES-Alert, que fai soar os móbiles baixo a influencia das antenas situadas nunha área de perigo, mesmo aínda que o dispositivo estea en silencio.

   A ferramenta 'ES-Alert' permite que os móbiles reciban unha alerta sonora e de vibración, acompañada dunha mensaxe na pantalla que bloquea o terminal ata que sexa lido. Tras ler a mensaxe, o usuario debe darlle a aceptar para finalizar a alerta e volver utilizar o seu móbil.

   O sistema implantouse a nivel nacional hai dous anos e as comunidades procederon a testalo desde entón. En Galicia, antes do simulacro masivo de outubro do ano pasado realizouse un pequeno na zona de Maceda (Ourense) e no caso do incendio da Cañiza, é a primeira vez que se emprega nunha situación de perigo real para a cidadanía.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado