Carlos Castro - Europa Press - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Jun. (EUROPA PRESS) -
Galicia asumirá desde o vindeiro martes, 1 de xullo, a xestión do litoral e a Xunta espera que a finais deste ano todas as autorizacións autonómicas que se teñen que dar en dominio público-terrestre poidan facerse nun único procedemento integrado no que xa se inclúan todos os informes preceptivos e vinculantes correspondentes.
Para ese 1 de xullo, a Administración galega agarda ter "todo listo" para que a cidadanía poida facer unha solicitude de calquera título habilitante en dominio público marítimo-terrestre na sede electrónica da Xunta, xa que até agora, baixo a xestión de Costas do Estado, "era todo en papel".
Así o avanzou nunha entrevista concedida a Europa Press a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, na que detallou que traballan para que todas as autorizacións que se teñen que dar no litoral estean integradas nun único procedemento cunha única autorización.
Isto, explicou, está xa en marcha, pero debe facerse a través dun decreto que ten que aprobar o Consello da Xunta, aínda que xa comezaron coa fase de consulta pública previa. A responsable autonómica espera que estea 'ok' a final de ano.
En canto ao rexistro de concesións anunciado, en paralelo con este procedemento, Uría explicou que polo momento non contan con todos os expedientes, que deben trasladarlles antes deste 1 de xullo, pero que deberán envorcalos de maneira electrónica, algo que tamén espera que teñan operativo a finais deste 2025.
"MAIOR ACERTO"
Pero, como verán os galegos no seu día a día esta nova competencia? En primeiro lugar, a Xunta reivindica que o feito de ser unha administración que está "máis preto" que a central e que xa se ocupa doutras responsabilidades como marisqueo, turismo ou medio ambiente, entre outras, permite "un maior acerto" nas decisións que se tomen.
Neste sentido, a lei do litoral defende un desenvolvemento "sustentable" e cunha convivencia "responsable". Así, un dos obxectivos que se fixa é tratar de implantar a xestión integrada, algo que tal e como expuxo Paula Uría, "xa está implantado en Europa" e que quere levalo a cabo en Galicia cun dobre obxectivo: reforzar a seguridade xurídica dos negocios situados no litoral ou outras edificacións que poderían ter inquietudes e, doutra banda, simplificar os trámites.
CATÁLOGO DE PATRIMONIO CULTURAL
Por outra banda, a Administración autonómica pretende "revitalizar" as edificacións que hai no litoral galego co fin de potenciar tamén a "protección e conservación" e "dinamizalo".
Neste sentido, a Xunta traballa nunha parte do patrimonio cultural do litoral, como edificacións catalogadas como ben de interese cultural ou bens catalogados", para poder aprobar un catálogo que, por exemplo, "permita recuperar antigas fábricas de salgadura ou carpintarías de ribeiras" que teñen "unha protección cultural establecida" co fin último de pór en valor todos estes inmobles.
Outro aspecto a destacar en canto ás edificacións que regula a lei é "a segunda vida que se lle podería dar" a diferentes construcións situadas en dominio público para as que non se permitía até agora ningún uso turístico. Por exemplo, vivendas que eran residenciais, agora especifícase que estas edificacións preexistentes que teñan "especial valor arquitectónico, histórico ou cultural poidan ser establecementos turísticos de calidade".
"Xa estamos a traballar no establecemento duns criterios que teñen que ter estas vivendas para que se incorporen á Rede de Establecementos Turísticos do Litoral", apuntou Uría, que sinalou que será unha rede de turismo de "excelente calidade" que terá que cumprir uns criterios "esixentes", pero que poderán darlle "unha segunda vida".
Precisamente, relacionado coa costa e o turismo, outro dos elementos que pasan a ter na súa totalidade as concesións dependentes da administración autonómica son os chiringuitos das praias.
En relación con eles, a Xunta está a realizar unha guía de integración paisaxística integral que até o momento non existía. Con iso, preténdese que estes establecementos en Galicia teñan "un sinal de identidade" e que poida haber "unha homoxeneización e integración na paisaxe".
CIFRAS E MEDIOS TRANSFERIDOS
En resumo, entre as competencias transferidas atópanse as autorizacións de usos de temporada en praias e no mar territorial, as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar ou a vixilancia, así como a tramitación e imposición de sancións.
Deste xeito, Galicia pasa desde este martes a ter o control sobre autorizacións e concesións da comunidade de España con máis quilómetros de costa: máis de 2.500 quilómetros nos que se sitúan máis de 4.000 edificacións de todo tipo, incluídas máis de 100 empresas do complexo mar-industria.
En canto aos medios que se transfiren á Xunta, atópanse partidas orzamentarias de 1,2 millóns de euros anuais, así como 11 vehículos e 36 postos de traballo: 17 de persoal funcionario e 19 de laborais.
En todo caso, a directora xeral recoñeceu que polo momento aínda non teñen os datos de todos os expedientes, que poderían sumar máis de 1.000.
PACTO GALEGO POLO LITORAL
E para a xestión destes máis de 2.500 quilómetros de costa, o Executivo autonómico quere que esta nova competencia -- a primeira tras case 17 anos-- sexa "un exemplo de cogobernanza", para o que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa avanzou que convocaría o próximo mes de setembro a case 90 municipios da costa galega para tratar de selar un 'Pacto Galego polo Litoral'.
Ante o anuncio desta reunión con case un centenar de concellos, a Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordou esta semana solicitar ao Goberno galego participar neste 'cumio' para dar forma ao pacto.
A este respecto, fontes da Fegamp consultadas por Europa Press sinalaron que para a entidade que agrupa todas as localidades galegas, "pola importancia do asunto e para artellar a coordinación necesaria entre os concellos que van ser convocados", é "moi importante" poder participar activamente en representación do municipalismo da Comunidade nesta parte do proceso.