Actualizado 01/08/2006 16:12

O Clúster do Audiovisual creará unha marca identificativa que "xere vantaxes competitivas" para as producións galegas

Galicia Actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Clúster do Audiovisual avanzará na creación dunha marca identificativa que "xere vantaxes competitivas" para as producións galegas, grazas ao convenio asinado hoxe en A Coruña polo presidente do ente audiovisual, Antón Reixa, e o subdirector de Caixanova, Luis Vela.

Deste xeito, o ente bancario aportará uns 28.000 euros que pemitirán seguir explorando novas vías de negocio, co obxectivo de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas que desenvolven a súa actividade no sector audiovisual, segundo concluíron expertos do sector nunha xornada celebrada onte na cidade herculina.

Ademais, este acordo permitirá que o Clúster continúe coa execución das accións planificadas no seo do seu "Clube de Ideas", creado para fomentar o debate, a análise e a investigación de novas vías de negocio, asociadas ao desenvolvemento de contidos para novas plataformas.

OUTRAS INICIATIVAS

Entre outras iniciativas, está previsto pór en marcha, ao abeiro deste convenio, e en colaboración co Instituto Galego de Promoción Empresarial (IGAPE), diversas xornadas para fomentar a internacionalización das empresas audiovisuais galegas, mediante a celebración de seminarios con expertos asiáticos do mercado multimedia, orientados á apertura futura de negocios conxuntos.

A asociación audivisual organizará tamén unha xornada 'InterClúster' coa participación de todos os Clúster constituidos en Galicia, coa finalidade de compartir estratexias e xerar sinerxias empresariais que favorezan os negocios intersectoriais.

Asemade, está previsto a celebración dunha xornada de lecer interactivo, para avaliar as posibilidades emerxentes deste negocio, e as últimas tecnoloxías e formatos, así como realización dunha análise das audiencias de televisión e o impacto publicitario.

Por outra banda, na xornada que se celebrou onte, distintos expertos subliñaron a "importancia" dunha futura marca como "paraugas promocional" que dea acollida ás empresas e ás producións, posto que "constituirá unha estratexia" cara a fortalecer as creacións nos mercados internacionais.

Ademais, o Clúster e Caixanova celebraron durante este ano outras iniciativas nas que distintos técnicos europeos e xaponeses debatiron o futuro da televisión interactiva e a súa presenza no sector, así como os teléfonos móbiles como unha nova canle de comunicación.