VIGO 8 Nov. (EUROPA PRESS) -
O secretario da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco), Juan Manuel Vieites, ratificou hoxe en Vigo a vontade da industria do sector de incrementar o prezo das conservas, especialmente as de atún, entre un 15% e un 20%, posto que, en termos relativos, "se atopan en prezos dos anos 80" do pasado século.
En declaracións aos medios, previas á presentación do Club de Amigos das Conservas de Peixes, Vieites lembrou que esta situación de manter estes baixos prezos é "unha debilidade" para o sector, debido á situación económica na que quedan as empresas, polo que avogou por "repercutir o aumento de prezo da materia prima sobre o prezo final do produto".
A este respecto, incidiu en que o citado incremento, que segundo o produto podería oscilar entre o 15% e o 20% do prezo total, se efectue nas marcas comerciais e tamén nas denominadas marcas brancas, que supoñen en 54% do consumo e que aínda non se sumaron á medida. Estas últimas "teñen que facer os seus deberes", insistiu.
O representante de Anfaco explicou que o aumento de prezos de gasóleo, que se duplicou nos últimos catro anos e a situación do atún como "produto sostible", do que se pode capturar un máximo de 4,4 millóns de toneladas a pesar de que a súa condición de "produto estrela" da conserva faga que a demanda vaia en aumento.