SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Jul. (EUROPA PRESS) - A XVIII Cata dos Viños de Galicia, que organiza a Consellería do Medio Rural, está a someter hoxe a avaliación dunha ducia de expertos a un total de 211 marcas de 146 adegas de todas as denominacións de orixe. As probas para coñecer os mellores caldos galegos desenvolveranse desde hoxe e ata o xoves no IES Compostela, en Lamas de Abade, en Santiago de Compostela.
As catas dos viños que compiten nesta ocasión por obter o recoñecemento como os mellores caldos de Galicia comezaron pola mañá e seguen pola tarde. Os expertos encargados da avaliación son especialistas de recoñecido prestixio que pertencen a algunha asociación de catadores e/ou enólogos; realizan críticas en medios de comunicación; ou que desenvolven o seu traballo en empresas e distribuidoras, entidades privadas ou públicas vinculadas co sector.
Os viños das 211 marcas galegas a concurso serán sometidos á análise sensorial realizada por unha ducia de catadores, na denominada Cata de Selección, que se prolongará ata mañá. O xoves terá lugar a Cata Final, aínda que os resultados da mesma non se darán a coñecer ata o día seguinte, venres no decurso dun xantar de honra celebrado no Balneario de Mondariz (Pontevedra).