O alcalde Sada celebra que Cultura poida acceder ao Pazo de Meirás, porque é "un paso máis preto" para que sexa BIC

Actualizado: martes, 18 marzo 2008 16:36

A CORUÑA, 18 Mar. (EUROPA PRESS) -

O alcalde da localidade coruñesa de Sada, o nacionalista Abel López Soto, celebrou hoxe que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dera a razón á Consellería de Cultura ao permitir que esta acceda ao interior do Pazo de Meirás para inspeccionalo como paso previo á súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

López Soto considerou, en declaracións a Europa Press, que "aínda que é unha resolución que se atrasou e se levaba esperando moito tempo", é unha "satisfacción" que demostra que o Concello de Sada e a Xunta "tiñan a razón e estaban no bo camiño".

"Esta sentenza sitúanos un paso máis preto de conseguir que o Pazo de Meirás sexa declarado como Ben de Interese Cultural, o que permitirá a todos gozar do Pazo e obrigará a tomar medidas de conservación deste,", considerou.

Ademais destacou o feito de que, segundo a sentenza, se estableza como prazo límite antes de verán para que as partes se poñan de acordo para que os técnicos da Consellería de Cultura accedan ao Pazo e poidan inspeccionalo, o que o sitúa nunha posición "esperanzadora" para que se finalicen "o antes posible" todos estes trámites.

O Concello de Sada, gobernado por nacionalistas e socialistas, aprobou o pasado mes de agosto por maioría solicitar esa declaración que permitiría abrir ao público catro días ao mes o pazo e os seus xardíns, "de valor histórico e cultural para toda Galicia", segundo sinalou López Soto.