Berrogüetto traslada dez anos de vivencias por escenarios de todo o mundo ó seu disco "máis íntimo e coral"

A banda volve tras un longo período de silencio discográfico cun álbume autoproducido e editado por eles mesmos

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 24 mayo 2006 16:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -

O grupo de folk Berrogüetto presentou hoxe o seu novo traballo discográfico, '10.0', que eles mesmos definen como o seu álbume "máis íntimo e coral" e co que conmemoran os seus dez anos de historia e de vivencias, "persoais e musicais", polos escenarios de todo o mundo.

En rolda de prensa, os membros da banda, encabezados por Anxo Pintos, explicaron que este disco, que sae á venda o sábado, reflicte a "esencia" da banda, xa que eliminaron os "artificios", sen obviar "tódolas características recoñecibles" de Berrogüetto. Neste senso, engadiron que se trata "dun agasallo" para os seus seguidores.

Así, Pintos indicou que tódolos integrantes da banda participaron na composicón dos 11 cortes do álbume, entre os que non se atopa ningunha peza do repertorio da música tradicional galega. Non obstante, recoñeceu que a "materia prima" das súas cancións son as raíces musicais populares de Galicia.

Ademais, o músico apuntou que o traballo, que sae á rúa tras cinco anos de silencio discográfico, foi gravado no seu propio estudio, aparte de seren autoproducido e autoeditado. En relación a este último aspecto, Pintos afirmou que chegaron a un "punto de madurez" no que poden manter un "vínculo directo" co mercado, "sen intermediarios".

MELLORES RESULTADOS

Neste senso, o artista augurou que, coa axuda dun equipo "moi profesional", os resultados "van mellorar" con respecto ás vendas dos anteriores discos. Asimesmo, xustificou esta aposta pola crise do mercado discográfico.

Por outra banda, Pintos adiantou que a presentación en directo de '10.0' terá lugar o próximo 2 de xuño en Vigo, no Centro Cultural Caixanova. Este concerto abrirá unha xira "que se prevé intensa", na que visitarán as prinicpais vilas galegas, ademais de tocar polo resto do Estado e en Europa.

MAIS DOADO EN EUROPA

Así, o músico lamentou que lles sexa máis doado conseguir concertos en Europa que nas cidades españolas, onde "quizais non está moi avanzado o recoñecemento da diversidade cultural". Nesta liña, apuntou que a "falta de normalización" das culturas periféricas --galega, basca e catalana-- "ten que cambiar" por unha "filosofía da convivencia".

Á presentación de '10.0' tamén asistiron o director da Sociedad General de Autores Españoles (SGAE), Javier Vidal; o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará; e o director comarcal de Caixanova en Santiago, Gabriel González.

Contenido patrocinado