O BNG pide a declaración do Pazo de Meirás como ben de interese cultural e que se recupere para o patrimonio público

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 27 mayo 2006 21:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA 27 May. (EUROPA PRESS) -

O BNG de Sada vén de remitir no día de hoxe unha carta á conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, para que a Xunta estudie a iniciación do expedente de declaración do Pazo de Meirás (A Coruña) como ben de interese cultural (BIC) e que este edificio se recupere para o patrimonio público.

Os nacionalistas de Sada aseguraron que os sucesivos gobernos da Xunta "nunca adoptaron medidas tendentes á debida protección do Pazo de Meirás e do seu entorno" como patrimonio cultural de Galiza, nin da súa recuperación para o patrimonio común de todos os galegos e galegas.

Nembargantes, suliñaron que a conselleira de Cultura do novo goberno da Xunta, a nacionalista Ánxela Bugallo, "ten tomado xa iniciativas positivas" a prol de conservar e preservar o noso patrimonio histórico artístico iniciando os expedentes para a declaración de ben de interese cultural, entre outros, das Burgas de Ourense ou do Santuario da Nosa Señora das Ermidas e o seu entorno nos concellos do Bolo e Manzaneda.

Por iso, o BNG de Sada remitiu unha carta á titular de Cultura para que, "con caracter inmediato", se inicie o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural do pazo de Meirás ao abeiro do establecido no artigo 12 da Lei 8/1995 do 30 de outubro do patrimonio cultural de Galiza, por entender que esta medida tería efectos efectos moi positivos.

Entre outros, esta declaración facilitaría o acceso para inspección á Administración competente e posibilitaría a visita pública e gratuita durante 4 días ao mes nos días e horario que se determine, tal como establece o artigo 26 da mencionada lei. "Esta circunstancia tería unha repercusión turística positiva para Sada e para o conxunto da área da Coruña", sinalaron.

A declaración de ben de interese cultural do pazo e a finca que o circunda tamén suporía "unha garantía" fronte a posibles pretensións de enaxeneción ou venda a terceiros, xa que sería de obrigado cumprimento a comunicación de tal pretensión e a Administración e esta podería exercer o dereito de tanteo e retracto.

Finalmente, aseguraron na misiva que a recuperación do pazo contribuiría a incrementar o noso patrimonio histórico-artístico común e tería un efecto positivo para o turismo na zona.

Contenido patrocinado