O BNG pide explicacións á Política Lingüística pola destitución da leitora de galego en Rennes

A Mesa dirixe unha carta a Touriño para pedirlle "que poña orde" na Secretaria Xeral de Política Lingüística

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 23 mayo 2006 19:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 May. (EUROPA PRESS) -

O deputado do BNG Bieito Lobeira solicitou a comparecencia en comisión da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, para que dea conta das razóns polas que se destituiu á leitora de galego en Rennes, Olga Novo, e para que informe de cales están a ser as funcionalidades do Centro de Estudos Galegos nesa universidade.

Bieito Lobeira rexistrou hoxe varias iniciativas parlamentarias ao respeito da dita destitución, pois considera que responde ás denuncias efectuadas pola profesora sobre as actividades do Centro.

Segundo os dados que manexa o BNG, malia que os obxectivos do Centro deberían ser a defensa, promoción e proxección da lingua e culturas galegas, o seu director --natural de La Rioja-- "vetou" de xeito sistemático calquer proposta tendente a cumprir con este principio e programou actividades coas que "calquer parecido coa lingua e cultura galegas son puro espellismo".

A este respeito, Lobeira salientou, por exemplo, unha conferencia sobre La Regenta, outra sobre La Historia de las Palabras e un ciclo de cine galego que incluía a proxección de "La Colmena", "El Rey Pasmado" e "La lengua de las mariposas".

A iniciativa apresentada polo deputado do BNG faise eco de como, ante o exposto, a leitora optou por denunciar a situación ante a Secretaría Xeral de Política Lingüística, denuncia que foi corroborada polo representante de relacións internacionais e o Decanato da Facultade. "Mesmo a Xunta de Facultade tras a análise dos feitos acordou destituir ao director do Centro e formular outra proposta para esa función", afirma Lobeira.

O deputado do BNG apuntou que resulta "absolutamente sorprendente" que pese ao descrito a Secretaria Xeral de Política Lingüística non só non se cuestione a funcionalidade real do Centro de Estudos Galegos senón que opte pola destitución, "sen motivos fundamentados e por vía dubidosamente oficial" da profesora Olga Novo.

Lobeira considera que, "á marxe da compoñente persoal/laboral que necesariamente se dá neste tipo de situacións", é preciso "aclarar o papel dos leitorados e dos centros de estudos galegos existentes nas universidades de todo o mundo, a súa funcionalidade e o servizo que lle prestan á causa da defensa e difusión da lingua e da cultura de Galiza".

CARTA A TOURIÑO

Asemade, sobre este asunto a Mesa pola Normalización Lingüística pediu tamén "que se paralice inmediatamente" o proceso de despedimento de Olga Novo e "que se reformule a política de lectorados no estranxeiro" levada a cabo até o de agora, dentro do cambio xeral que precisa urxentemente a Secretaría Xeral de Política Lingüística O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dirixiuse por carta ao xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, para lle reclamar que "poña orde na Secretaría Xeral de Política Lingüística".

A organización en defensa da lingua galega lembra que esta Secretaría Xeral depende directamente do presidente da Xunta e que este departamento "non deixa de recibir críticas polo seu mal funcionamento e polo seu negativo continuísmo a respecto de gobernos anteriores". "Señor Touriño, ou cambia a política lingüística ou cambia a secretaria xeral, mais isto non pode continuar así", conclúe Callón na súa misiva.

A Mesa, ainda que dí non compartir esta visión, lembra que Política Lingüística leva estes oito meses tendo como unha das súas principais liñas de traballo os lectorados de galego e denuncia que "non houbo nin eficiencia nin eficacia". Segundo dí, mentres se crearon novos lectorados "sen que exista un labor previo de planificación", hoxe mesmo denunciouse publicamente a intención da secretaria xeral Marisol López de despedir a lectora de Rennes, debido a que esta criticou a situación do seu lectorado.

A devandita organización lembra que a profesora de galego en Rennes, a coñecida escritora Olga Novo, denunciou que o director do Centro de Estudos Galegos, un profesor de español oriúndo de La Rioja, "estivo a xestionar os 6.010 euros anuais que recibía da Xunta, para a difusión da lingua e a cultura galega, en actividades en castelán".

Contenido patrocinado