O BNG propón a cesión de terreos en A Coruña para as empresas audiovisuais galegas

Actualizado: lunes, 10 julio 2006 19:07

A CORUÑA, 10 Jul. (EUROPA PRESS) -

O BNG de A Coruña solicitou a cesión de terreos para as empresas audiovisualis galegas xa que esta cidade alberga un volume importante de empresas do sector, de feito recordaron que este ano o 50% das axudas solicitadas á Xunta para o sector correspondía a produtoras da capital herculina.

Este aumento do volume de negocio e a proxección das mesmas xustifican a necesidade dun maior espazo, segundo o BNG, que propuxo a inmediata posta a disposición de solo para estas empresas. Unha boa zona na que ubicar as novas instalacións sería o Parque de Vío, en Pocomaco, por existir unha zona ampla.

"Nos últimos tempos --declararon dende o BNG-- algunhas destas produtoras amosaron a súa preocupación pola imposibilidade de atopar terreos nos que ubicar sedes máis amplas, nas que poder asumir novos retos, acordes cunha evolución de negocio crecente".

O Grupo Municipal do BNG considerou que as produtoras son xeradoras dunha gran riqueza económica e cultural para A Coruña, polo que considera prioritario ofrecer unha alternativa que evite a migración das mesmas cara a outras cidades, como Santiago de Compostela, que "arestora xa ofrece terreos en condicións moi favorábles".

Os nacinalistas lembraron que o alcalde, Javier Losada, reuniuse poucos días despois de asumir o cargo cos directivos da empresa Dygra --a máis importante no sector da animación de toda Europa--, aos que prometeu a busca de solucións ás necesidades de espazo da factoría, actualmente dividida en sete locais por toda a cidade. O seu presidente solicitaba entón a creación dunha nave moderna de 5.000 metros cadrados. A día de hoxe, informaron os nacionalistas, "non se coñece resposta a tal petición".