O BNG urxe o cumprimento do acordo parlamentar para sanear os ríos Xubia e Castro, na comarca de Ferrolterra

Actualizado: jueves, 4 mayo 2006 13:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

O deputado do BNG Fernando Blanco Parga urxe o cumprimento do acordo parlamentar acadado en novembro pasado para elaborar un plano de rexeneración do río Xubia e Castro.

A través dunha pregunta para a súa resposta escrita, Blanco Parga lembra que o acordo, acadado pola aprobación dunha proposición non de lei nacionalista despois de ser transacionada, insta a "materializar no menor prazo de tempo posíbel, dentro da planificación xeral da Consellaría de Medio Ambiente no marco específico do plan de saneamento, un plan de rexeneración do río Xubia e Castro, coa participación dos concellos polos que pasa, que o restaure ao estado ecolóxico anterior ao ano 1986".

O BNG engade que o acordo instaba tamén a construír "un colector coa colaboración económica das empresas implicadas, que recolla os seus verquidos, para que sexan depurados oportunamente, e conectalos co colector xeral da ría de Ferrol".

Blanco Parga demanda os prazos en que se dará cumprimento a este acordo e urxe a súa materialización, tendo en conta os problemas detectados por algúns pescadores da zona nestes ríos nos últimos días.