O CCG acollerá mañá un debate sobre o deseño dos libros e a súa influencia na competitividade do sector editorial

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 29 marzo 2006 18:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA 29 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará mañá, ás cinco da tarde, a súa tertulia literaria mensual arredor do deseño dos libros. O encontro, que leva por título 'A cara do libro', servirá para coñecer as opinións de tres contrastados deseñadores, como son Xosé Díaz Arias de Castro, Manuel Janeiro Casal e Uqui Permuy.

Manuel Janeiro é deseñador gráfico e ilustrador, mentras que Uqui Permuy é ilustradora e creativa gráfica no estudio de deseño e comunicación visual Uqui/Cebra. Pola súa banda, Xosé Díaz Arias é membro da Asociación Española de Profesionais do Deseño, ex director da Fundación Luis Seoane e o seu traballo foi seleccionado e exposto no Centro Nacional de Arte Museo Reina Sofía, en Londres no Design Museum, no MARCO de Vigo e no Instituto de España, en Nova York.

Segundo informou hoxe o CCG, a Sección de Literatura e Industrias da Edición escolleu este tema consciente de que nos últimos tempos o deseño acadou na nosa sociedade unha importancia que nunca antes tivera. Así, apuntou que nun mercado editorial tan competitivo, no que cada vez se publican máis títulos novos por ano, o editor debe, á forza, prestar atención e pór un especial coidado no deseño, elemento imprescindible para que unha obra acade unha certa cota de éxito e carta de presentación dun libro.

Do mesmo xeito, o libro como obxecto material, como obra de cultura, foi un elemento bastante esquecido polos estudos artísticos e culturais tradicionais, polo que a Sección de Literatura e Industrias da Edición considera fundamental poder conversar con tres profesionais do deseño, como son Uqui Permuy, Manuel Janeiro e Xosé Díaz, para que expliquen o seu traballo e a súa perspectiva sobre este tema.

Como en anteriores ocasións, a tertulia estará aberta ás achegas dos interesados en participar nela e será gravada para posteriormente pór a disposición dos usuarios en Lg3, o soportal de literatura de culturagalega.org. Deste xeito, o CCG continúa o ciclo iniciado de tertulias iniciado en 2004 polo CCG.

Contenido patrocinado