Educación remite aos centros escolares unha circular para que podan solicitar o ensino en galego na etapa infantil

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 25 mayo 2006 22:33

SANTIAGO DE COMPOSTELA 25 May. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación remitiu aos centros escolares sostidos con fondos públicos con máis dunha liña do segundo ciclo de educación infantil unha circular na que se recolle a convocatoria de accións para potencir o ensino en galego nesa etapa ao longo do curso 2006-2007.

Así, poderán participar os centros educativos sostidos con fondos públicos nos que se poda cursar o segundo ciclo de educación infantil e que conten, ao menos, con dúas liñas, para que nunha delas se imparta o ensino en lingua galega.

A convocatoria, na que participan a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, establece a necesidade de contar co compromiso do profesorado implicado no proxecto; a autorización dos pais, nais ou titores legais do rapaz; o acordo do Claustro e a aprobación do Consello Escolar; e contar con alumnado suficiente para a constitución dun grupo, sen que supoña ningún incremento do número de unidades.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xullo e, co obxectivo de avaliar as solicitudes presentadas, crearase unha Comisión presidida pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, ou persoa en quen delegue.

Esta Comisión emitirá unha proposta provisional de centros seleccionados, que incluirá aqueles que se adecúen ás bases da convocatoria. A listaxe de centros seleccionados poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Educación www.edu.xunta.es no apartado da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, na sección convocatorias, a partir do 30 de xullo.

Contenido patrocinado