Estatuto.- Beramendi aborda mañán a importancia de Castelao na redacción do primeiro texto galego

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 3 abril 2006 17:16

SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Caixa Galicia acolle mañán a conferencia 'Castelao e a Autonomía de Galicia', a cargo do catedrático de Historia, Xusto Beramendi, quen lembará a importancia do político de Rianxo na redacción e aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía.

Nesta charla, que se enmarca no ciclo 'Estatuto, marco de concordia', Beramendi ofrecerá unha análise pormenorizada da actividade política de Castelao nas distintas etapas da súa vida. Afondará, especialmente, na natureza e evolución do seu pensamento político no contexto do nacionalismo galego das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista; na acción levada a cabo a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia como deputado nas Cortes Constituíntes da República e como Secretario Político do PG.

Tamén incidirá nas posturas do rianxeiro verbo do modelo de Estado español e do autogoberno de Galicia durante o exilio, ademais da influencia que dita figura verte no nacionalismo galego do último terzo do século XX. A Fundación Caixa Galicia quere homenaxear, con este ciclo de conferencias, os 70 anos da aprobación do primeiro Estatuto de Galicia.

Xusto Beramendi será presentado polo escritor ferrolá Bernardo Máiz Vázquez, actual presidente e cofundador da Xunta Rectora do Museo do Pobo Galego. Beramendi é catedrático en Historia Contemporánea, especialista en historia das ideoloxías e dos movementos políticos, e autor de numerosos estudos sobre a evolución do pensamento marxista, historiografía e metodoloxía da historia política e dos nacionalismos, a cuestión nacional en España, e o galeguismo, entre outros. É membro da ASEN (Association for the Study of Ethnicity and Nationalism), da Xunta Directiva da Asociación de Historia Contemporánea, e das Fundacións Castelao, Vicente Risco e Antonio Fraguas.

Contenido patrocinado