SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Sep. (EUROPA PRESS) -
Os representantes do Grupo Parlamentario Popular no relatorio para a reforma do Estatuto de Galicia advertiron hoxe de que o clima político das últimas semanas, "co Goberno intentando culpar ao PP da crise dos incendios", non é o mellor "para o acordo e o consenso" na cuestión estatutaria.
Así, o deputado popular Jesús Palmou explicou aos medios de comunicación ao termo da reunión que a tensión entre os grupos xurdida tras os lumes e o debate do novo Estatuto "son cousas absolutamente distintas", aínda que recoñeceu que "o que pasou no último mes" non favorece o consenso. A pesar diso, apostou por "recuperar o diálogo".
Pola súa banda, o voceiro do Grupo do BNG, Carlos Aymerich, mostrou a súa esperanza en que a situación política en Galicia "non contamine" o relatorio do Estatuto e, nese sentido, subliñou que o clima da reunión de hoxe --na que se retomaron os traballos tras o verán-- foi positivo e "con todo o mundo disposto a traballar".
Así, Aymerich dixo que confía que sexa posible chegar a un acordo", a pesar do que cualificou como "ameazas" dos populares. Así, contrapuxo a "boa actitude" que teñen os relatores do Grupo Popular coas declaracións dos líderes do PP fóra do órgano parlamentario. "Para o PP ten que haber pepólogos que os interpreten", apuntou, antes de ironizar con que os populares non plantaron á comisión, "que xa é noticia".
O voceiro do Grupo do PSdeG, Ismael Rego, recoñeceu pola súa parte que existen "puntos de desencontro moi serios" entre os grupos ao respecto de catro grandes temas da reforma, por o que considerou "moi oportuna" a reunión que o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, propuxo aos líderes de PPdeG e BNG, Alberto Núñez Feijóo e Anxo Quintana.
DESENCONTROS
Así, Rego esperou que nese encontro --que se celebrará a vindeira semana-- se poida indicar "a folla de ruta e tratar ao máximo nivel temas sobre os que haxa que establecer cesións e puntos de encontro". En concreto, o deputado socialista citou catro grandes eixes que separan os partidos.
O primeiro deles é o catálogo de dereitos e deberes e, especificamente, o establecemento de garantías para o exercicio efectivo deses dereitos polos cidadáns. Así mesmo, recoñeceu que "o relatorio necesita axuda" acerca da organización territorial de Galicia e sobre a definición identitaria e o tratamento da lingua.
"A partir de aí, todo é susceptible de acordo", destacou o voceiro socialista, que aproveitou para advertir de que o seu grupo defenderá "con moita vehemencia" a necesidade de establecer no novo Estatuto garantías efectivas para que os cidadáns poidan exercer os seus dereitos, para o que esixen un Consello de Garantías Estatutarias. "Ímolo defender ata o final", sentenciou.
SEN BLOQUEO
Jesús Palmou tamén recoñeceu que existen "diferenzas importantes" entre os grupos, aínda que restou transcendencia á reunión entre Touriño, Quintana e Núñez Feijóo. O popular aseverou que "non se trata de desbloquear nada" porque "non hai nada bloqueado".
En canto ás diferenzas, explicou que existe un debate acerca de cal debe ser o órgano de goberno provincial, despois de que exista acordo en manter concellos e provincias e crear novos órganos supramunicipais. Palmou recoñeceu que o goberno provincial "non ten que chamarse deputación", aínda que non será o PP o que inicie o diálogo ao respecto. "Non o imos abrir, se o abren outros estamos abertos ao debate", resaltou.
POSTA AO DÍA
Finalmente, Carlos Aymerich reprendeu aos populares por non presentar aínda unha proposta articulada completa de novo Estatuto, aínda que avanzou que se comprometeron a facelo a vindeira semana. Será cando se produza unha nova reunión do relatorio, xa que a prevista para mañá se aprazou e se celebrarán tres sesións entre o luns e o venres próximo.
Os grupos aproveitaron o encontro de hoxe para poñerse ao día e "recompilar" o traballo feito antes do verán. Nas próximas xornadas debaterán acerca das competencias, o financiamento, as relacións institucionais e o proceso de reforma para, dentro de dúas semanas, volver ao inicio e comezar xa coa redacción articulada do texto.