SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 May. (EUROPA PRESS) -
O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), organismo dependente da Consellería de Cultura, achegará este ano 21.000 euros á Universidade da Coruña para que, a través do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Linguística, poida editar sete novos títulos dentro das coleccións da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor.
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o rector da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, asinaron hoxe en Santiago un convenio de colaboración para a ampliación do catálogo de publicacións desta colección teatral que recupera textos das dramaturxias galega, portuguesa e francesa, así como de obras de investigación e documentación sobre o teatro.
En declaracións a Europa Press, Barja e Bugallo explicaron o interese desta colección pola súa condición de traballo de investigación e de difusión da dramaturxia. Neste senso, o reitor coruñés aludiu a que os títulos publicados nas coleccións de Pillado Mayor supoñen unha contribución no eido cultural e no científico, mentras que a conselleira relacionou este traballo coa importancia de "chegar a ter toda a bibliografía teatral precisa para o desenvolvemento da dramaturxia e das obras teatrais".
Ademais de asinar o convenio para o financiamento da edición de novos títulos en 2006, no acto de hoxe tamén se presentaron dous destes libros: o número 43 'Confusión de María Balteira', de Marica Campo, con introdución de María Pilar García Negro; e o número 44, 'A costureira d'aldea', unha das primeiras obras literarias de Manuel Lugrís.
Coa edición dos novos títulos, a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor acadará este ano os 49 números editados a través das súas seis series: Serie Branca (outras literaturas teatrais), Serie Gris (pensametno e estética), Serie Verde (literatura teatral en lingua portuguesa), Serie Vermella (literatura teatral en lingua francesa) e a Serie Ouro (documenta).
O coordinador desta liña editorial do Departamento de Galego-Porgués, Francés e Lingüistica da Universidade da Coruña, o profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro, definiu os textos como "edicións rigurosoas" e salientou que se trata de lograr "un equilibrio entre a investigación e a difusión".
Pola súa banda o xerente do Igaem, Miguel Martín, apuntou que, dentro do traballo vencellado á Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, está previsto afondar na coordinación coas compañías de teatro para incorporar os textos teatrais que están a representar en cada temporada.