SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Sep. (EUROPA PRESS) -
A empresa ourensana Hispamoldes ideou un prototipo que mellora de xeito importante o illamento do habitáculo do vehículo dos ruídos do motor, pois considera que este é un dos aspectos que menos evolucionou no sector automobilístico nos últimos anos.
Esta iniciativa, na que participa o grupo alemán con presenza en Galicia Möllertech, xunto con Hispalmoldes e coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Automoción de Galicia (CTAG), logrou incidir de xeito claro na estanquidade do motor, así como no illamento do ruído no habitáculo.
Segundo explicou a Europa Press a responsable de Hispamoldes Isabel Mato, unha vez conseguido o prototipo, "agora correspóndelle a Möllertech decidir se se comercializa, pois sería a empresa que tería a patente".
Ata o momento o sistema que se utiliza para asegurar a estanquidade dos sistemas de peche do compartimento motor dos vehículos é un conxunto de elementos que, coa superposición duns sobre outros, aseguran que non existan filtracións.
Este efecto normalmente conséguese deformando por presión, ben sexa do capot ou doutras pezas da zona, unha xunta dun material brando, que adoita ser caucho, que está fabricado mediante extrusión. Este perfil debe levar, para ter consistencia, embebido un perfil que é de aluminio ou algún tipo de aliaxe dúctil, que permita a súa montaxe e lle confira a resistencia mínima de montaxe.
Isabel Pato apuntou que o obxectivo deste proxecto --que conta co apoio do Plan Galego de I+D da Consellería de Innovación-- é substituír todos estes elementos, esenciais ata este momento, por un novo sistema de peche do compartimento motor, que o ille dos axentes meteorolóxicos externos e que impida que a rumorosidade do motor sexa transmitida de forma directa sen atenuación ao habitáculos do vehículo.
CALIDADE E CONFORTABILIDADE
Hispamoldes considera que cada vez máis na fabricación dos automóbiles non só se valora a calidade da técnica do motor e demais elementos estritamente funcionais, senón tamén a calidade e confortabilidade da súa marcha. Por iso, os construtores de automóbiles esixen cada vez máis sistemas que melloren de xeito substancial a habitabilidade do vehículo.
É xunto da zona de motor de onde proveñen a maior parte de ruídos e vibracións do vehículo, polo que é de capital importancia un bo illamento. Non obstante, a empresa ourensana aclara que, dependendo do tipo de vehículos, interesa illar a maior cantidade de sons ou só parte.
Por exemplo, nos automóbiles tipo berlina ou compactos, é importante illar todos os ruídos por ter un alto grao de confort, o problema está en que ata o momento todos os sistemas de illamento son custosos e están dispoñibles de forma case exclusiva para as gamas máis altas.
No outro extremo sitúanse os vehículos deportivos, pois nos últimos anos existe unha serie de departamentos que estudan a forma de que tanto o motor como o escape cheguen ao interior do habitáculo de maneira que satisfaga unha condución máis deportiva.
Este proxecto de Hispamoldes e a empresa alemá centrouse en coches de calquera gama e busca maximizar o confort reducindo os ruídos. A participación do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia foi fundamental na elaboración desta iniciativa dados os coñecementos que dispón en temas de acústica, cun laboratorio propio nas súas instalacións e, ademais, software de simulación e cálculo, equipos de prototipado rápido, así como equipamento e laboratorios para a validación do prototipo final.
HISPAMOLDES
Hispamoldes é unha empresa experta en concepción de ferramentas, así como no coñecemento de aceiros e procesos de mecanizado. Conta cun laboratorio propio de investigación e desenvolvemento, dotado de deseño e mecanizado, deseñadores e proxectistas con experiencia de varios anos no sector do plástico e o molde.
A oficina técnica dispón dun equipo multidisciplinar de especialistas que aseguran a consecución de moldes de ata 40 toneladas. Seis técnicos proxectistas traballan con exactitude e con confidencialidade nun circuíto que comeza na recepción de datos ata obter o produto final, no que unicamente se utilizan os sistemas tecnolóxicos líderes no mundo.