Investigadores da USC partirán cara ao Himalaia para culminar a primeira fase do proxecto 'Nas portas do ceo'

Pretenden filmar un documental sobre aspectos da cultura sherpa e o seu contorno como a relixión, xeoloxía, flora e agricultura

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 12 julio 2006 20:12

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jul. (EUROPA PRESS) -

O proxecto audiovisual 'Nas portas do ceo', no que participan investigadores da USC, rematará o vindeiro mes de agosto a súa primeira fase logo de que a expedición, tras atravesar a rexión de Khumbu, culmine o ascenso ao Khala Pattar -5.550 metros-. Con esta iniciativa trátase de realizar un achegamento ao modo de vida dos núcleos de poboación máis altos do planeta nesa cadea montañosa.

A iniciativa desenvólvese dende hai cinco anos co obxecto de filmar unha serie documental que recolla diversos aspectos da cultura sherpa e o seu contorno como a relixión, xeoloxía, flora e fauna ou agricultura.

Ademais, os tres investigadores da USC que participan no proxecto, o zoólogo Carlos Otero, o botánico Íñigo Pulgar e o xeólogo Augusto Pérez Alberti, recollerán mostras que pasarán a formar parte do Museo de Historia Natural 'Luis Iglesias'.

A expedición, que partirá de España o 14 de agosto, percorrerá durante 20 días as paisaxes máis abruptas e elevadas do planeta e tentará explicar aspectos que fan singular esta rexión do planeta como a existencia de conchas ou fósiles de animais mariños a máis de cinco mil metros de altitude.

A serie documental Nas portas do ceo artéllase en dez episodios nos que, dirixidos por Enrique Banet e coa actriz Mabel Rivera no papel de narradora, os investigadores composteláns se encargarán do estudo das comunidades vexetais da zona, da bioxeografía rexional e a riqueza de especies animais e dos patróns de biodiversidade, entre outros asuntos.

SHERPAS

Transcorría o ano 1550 cando un grupo de tibetanos, provenientes da provincia de Khan, na China Oriental, conseguiron atravesar o duro paso do Nangpa Lá, a 5.716 metros, para penetrar no Nepal e establecerse nos elevados e recónditos vales da rexión de Solu Khumbu, ao pé do Monte Everest.

Este grupo étnico, hoxe coñecido como os sherpas, viviu ata a década dos anos 50 totalmente illado, adaptándose ás duras condicións do contorno e desenvolvendo unha cultura característica baseada na práctica do budismo. En 1953 os sherpas saíron do anonimato coa primeira conquista do Sagarmatha ou Everest, o cume máis alto do planeta.

O Himalaia é unha cadea montañosa nova, en pleno proceso de transformación. Como consecuencia do desprazamento das placas tectónicas, a continental india chocou contra a eurasiática provocando que do fondo do antigo "mar de Tethys" xurdira a formación xeolóxica máis alta do mundo. O desprazamento da placa indostánica cara ao norte continúa a razón duns dous centímetros ao ano, orixinando unha elevación da cordilleira duns cinco centímetros nese mesmo período de tempo. Esta situación converte esta zona nunha das máis inestables do mundo, con continuos tremores e terremotos.

En Nepal, nunha franxa de tan só 150 quilómetros ascéndese dende o nivel do mar, na zona do Teraï, ata os maiores cumes da Terra que superan con moito os 8.000 metros. Este diferencial de alturas, atravesado por abundantes ríos, fai da rexión himalaia un lugar ideal para o estudo da flora e a fauna. Cada piso vexetal encerra riquezas inexploradas que van dende as cálidas selvas "tropicais" do sur aos fríos cumes cubertos de xeos perpetuos.

Contenido patrocinado