SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 Abr. (EUROPA PRESS) -
Escolares de Educación Infantil e Primaria pertencentes aos centros educativos de Lamas de Abade, San Xurxo e Raíña Fabiola foron os primeiros en participar na VI Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago, coordinada pola editorial Kalandraka na Galería Sargadelos da capital galega. O lema desta edición, "Un dous tres, que les?" invita aos rapaces a afeccionarse á lectura dende moi novos.
O director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, considerou que unha das claves para incentivar esta afección é "animar a ler desde o fogar, que nas casas haxa libros para recuperar ese momento máxico de contar contos e visitar as bibliotecas". Tamén asistiron á apertura da campaña o pintor Ramón Trigo e os debuxantes Marc Taeger e Kiko Dasilva, que imparten senllos obradoiros de ilustración e banda deseñada.
Á inauguración acudiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e maila concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, que leron para os cativos o manifesto que o autor eslovaco Ján Uliciansky elaborou para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, no que se conmemora o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.
"Os libros son como as estrelas que brilan na noite", citaron os responsables municipais, "hai tantos que non se poden contar, pero imaxinade a escuridade que reinaría se un día deixasen de emitir esa enerxía sen límites do coñecemento e da imaxinación".
As sesións de contacontos que se realizan de luns a venres mestúranse con música tradicional galega e visitas guiadas ás exposicións de ilustracións orixinais asinadas por Óscar Villán (Premio Nacional de Ilustración 1999), Federico Fernández (Premio Nacional de Ilustración 2001), Marc Taeger (Premio Daniel Gil de Deseño Editorial 2005), Ramón Trigo (Premio Cidade de Alacante de Álbume Infantil 2005) e Kiko Dasilva (Premio do Salón do Cómic de Barcelona 2005 ao Mellor Fancine por BD Banda).
A campaña, que se complementa con charlas dirixidas ao profesorado e ás familias, clausurarase o vindeiro 6 de maio na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela cunha sesión de contos e música.