Letras Galegas.- A Egap organiza unha viaxe cultural polo Camiño Inglés e un coloquio sobre literatura

Actualizado: martes, 16 mayo 2006 12:58

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

A Escola Galega de Administración Pública (Egap), organismo autónomo dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, organizará un coloquio e unha viaxe cultural para conmemorar o Día das Letras Galegas 2006, que a Real Academia Galega lle dedica este a Manuel Lugrís Freire.

O coloquio, que ten lugar hoxe entre ás 12.00 e as 13.30 horas na sede da Egap en Santiago de Compostela, ten como tema central a literatura galega no momento actual, e estará moderado por Camilo Franco Iglesias, xornalista, escritor e crítico teatral.

Xunto ao moderador estarán tamén Iria López Teijeiro, gañadora do I Premio de novela Biblio-Pazos de Galicia para menores de 25 anos; Diego Ameixeiras Novelle, xornalista e guionista de cine e televisión que acaba de publicar a súa segunda novela; e Paula Carballeira Cabana, contacontos e autora de varios libros de literatura infantil.

Por outra banda, a viaxe cultural por un tramo do Camiño Inglés desde Santiago á cidade da Coruña está prevista para mañá. Felipe Senén López Gómez, historiador e museólogo, actuará como guía.