SADA (A CORUÑA), 17 (EUROPA PRESS)
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou hoxe que a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia será unha "boa oportunidade" para "reflectir, amparar e potenciar" o galego e o dereito ao seu uso e o deber de coñecelo.
Nun encontro con xornalistas, antes de participar en Sada (A Coruña) no acto institucional da Real Academia Galega para conmemorar o Día das Letras Galegas adicado a este ano a Manuel Lugrís Freire, Touriño amosouse convencido de que o galego sairá reforzado no novo Estatuto e precisou que facelo será tarefa da ponencia parlamentaria "co acordo e o consenso entre todos", precisou.
O presidente da Xunta indicou que "o importante é saber que a lingua é un instrumento de unión, de fortalecer o país, un instrumento para que Galicia se recoñeza a sí mesma e teña ese lugar no mundo", engadiu.
Por outra banda, incidiu en que a lingua, a que definiu como o "ADN", é o "patrimonio" do pobo "de todos e todas as galegas e non de ninguén", insistiu o titular do Executivo galego, quen recalcou tamén que non debe ser obxecto de "confrontación partidaria".
COMPROMISO DA XUNTA CO PXNLG
Emilio Pérez Touriño trasladou a súa "plena confianza" no futuro do galego e incidiu en que hai un marco político "de consenso e de concertación que debe desenvolverse".
Por outra banda, aproveitou a celebración do Día das Letras Galegas para trasladar o "pleno compromiso" do Goberno galego coa "normalización" da língua e co seu impulso a través do Plan Xeral de Normalización da Língua Galega (PXNLG). Tamén lembrou que este plan --aprobado no Parlamento de Galicia en 2004-- foi resultado do "consenso e da concertación".
Ademais, cualificou a data de hoxe como "un día de celebración e de festa no que Galicia se identifica, se recoñece coa súa cultura e a valiosa tradición literaria". Neste senso, sinalou a Manuel Lugrís Freire, homenaxeado este ano, como "compendio e símbolo" do compromiso coa língua, coa cultura e co país.