SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Mesa pola Normalización Lingüística pídelle ao Valedor do Pobo que "supervise" a decisión da Xunta, a través da Consellería de Presidencia, Administracións e Xustiza, de retirar a proba en galego das oposicións, por crear "inseguranza" a opositores e cidadáns
O colectivo en defensa da lingua galega presentou hoxe perante o Valedor do Pobo unha queixa na que solicita que esta institución supervise a decisión da Consellaría de Presidencia de retirar a proba tipo test en galego das oposicións.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, lembrou hoxe que, mentres nas bases da convocatoria das oposicións se sinalaba que os exercicios tipo test terían os enunciados en lingua galega, a Consellaría de Presidencia, que dirixe José Luis Méndez Romeu, modificou posteriormente ditas bases a través dunha instrución.
Segundo Callón, a decisión "crea inseguranza a opositores e cidadáns, ademais de ser formalmente unha chafallada, posto que esa instrución modificou radicalmente as bases do concurso cando o prazo de inscrición xa estaba finalizado".
A Mesa denunciou xa no momento da retirada desta medida que se trataba dunha "decisión política de Méndez Romeu e do sector duro do PSOE, contrario a calquera mínimo adianto para a nosa lingua", fronte á pretensión de enmascaralo como unha "decisión xurídica".
A entidade en defensa da normalización da lingua gallega entende que esta semana o director xeral de Función Pública, Xosé Rodríguez González, "deulle toda a razón", ao recoñecer no Parlamento de Galicia que non existe ningún impedimento legal para a entrega dos enunciados en galego nos exames tipo test.
Por iso, na súa queixa, recórdalle ao Valedor do Pobo que a Consellaría da Presidencia, aínda sendo consciente da situación creada, non voltou á letra e ao espírito das bases orixinais da convocatoria --na liña do sinalado polo Director Xeral de Función Pública--. Por iso, a Mesa entende que "nestas oposicións non se garante o nivel mínimo nin de coñecemento pasivo do galego" e que, por tanto, "se pode ser funcionario ou funcionaria da Xunta sen entender a lingua propia de Galicia".