A Mesa volve a demandar que a Xunta comece a facer política lingüística "de verdade" e "de consenso"

Actualizado: jueves, 4 mayo 2006 14:47

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística volve a demandar que a Xunta comece a facer política lingüística "de verdade" e "de consenso". Transmítelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a súa "vontade de colaboración para que se produza un cambio de verdade".

Tras unhas declaracións realizadas onte pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, a devandita organización de defensa da lingua galega, a través dun comunicado, lamentou hoxe que este departamento sega na mesma liña de "propaganda inútil" e de "desprezo ao movemento cidadán en defensa do galego".

O presidente da Mesa, Carlos Callón, lembrou que a Mesa pide "que se comece a facer política lingüística de verdade" e que sexa de forma "tranquila e baseada no consenso" do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e, engade, que é "algo que até o momento non se ve por ningures".

Tras apuntar que "comparte o obxectivo", expresado onte por Marisol López, de recuperar o galego entre a xente máis nova, a Mesa pregúntalle a Política Lingüística cómo pensa facelo se o ensino segue a ser "o principal axente desgaleguizador".

Asemade, A Mesa reivindica "ter todo o dereito a discrepar e a exercer toda a presión democrática que considere precisa para que a situación poida mudar para o ben do galego". Entre esas medidas de presión democrática, lembra que convocou unha mobilización para o próximo 17 de Maio en Santiago de Compostela.

A devandita manifestación reivindicará "que desde o novo Goberno da Xunta, singularmente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se comece a traballar para afrontar os problemas de base que ten o noso idioma, garantindo en primeiro lugar o dereito fundamental á escolarización en galego."