SANTIAGO DE COMPOSTELA 12 Abr. (EUROPA PRESS) -
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos (ODL) solicitou unha entrevista co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e outra co vicepresidente, Anxo Quintana, así como unha terceira coa presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, para lles facer chegar directamente as que consideran "cinco peticións fundamentais para que se produza un salto adiante en favor dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas".
Esta é unha entidade promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e que ten no seu seo a membros da xudicatura e da avogacía, así como profesorado universitario de Dereito e de Filoloxía Galega. Tras estas tres entrevistas, o ODL declaró que tamén presentará as súas propostas a outras institucións do país.
As cinco peticións que quere trasladar ás principais institucións de Galicia para avanzar nos dereitos lingüísticos baséanse no consensuado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).
Así, o Observatorio propón, en primeiro lugar, que se modifique "urxentemente" o decreto de galeguización do ensino non universitario, de xeito que recolla a realidade actual do sistema educativo e, ademais, os obxectivos do PXNLG. Ademais, demanda que se estabeleza que todas as axudas públicas, de calquera tipo, deberán producir "un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora e avaliarse o cumprimento".
O ODL "urxe", así mesmo, para que se traduzan ao galego os programas informáticos de xestión e os formularios de uso cotián e garantir a súa presenza en todos os órganos xudiciais de Galicia. Piden tamén que se estabelezan canto antes "normas xerais e uniformes sobre capacidade lingüística esixible nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función". Por último, formulan a necesidade de que haxa un mecanismo de seguimento para que as licenzas de emisoras de radio e televisión cumpran co compromiso explicitado no PXNLG dun aumento progresivo do galego.
Ademais das propostas que presentará nestas entrevistas, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos entende que "o debate sobre un novo Estatuto pode servir tamén para terminar cos alicerces que sustentan moitas das discriminacións que padece o galego". Por iso, fan un "chamamento ao conxunto da sociedade" para que neste novo Estatuto o galego teña "o lugar que lle corresponde como lingua propia do país; dereito e deber colectivo, nunca en inferioridade a respecto do castelán".