A TVG promocionará e difundirá o 'Curtocircuito 2006', o festival de curtas que terá lugar en Santiago en outubro

Actualizado: martes, 30 mayo 2006 15:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 May. (EUROPA PRESS) -

O Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, 'Curtocircuíto 2006', terá unha importante difusión e promoción nas pantallas da TVG. Así se recolle no acordo de colaboración asinado hoxe entre o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e o director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), Benigno Sánchez.

'Curtocircuíto 2006' celebrarase na capital galega do 17 ao 21 de outubro. As actividades do certame prolongaranse todo o verán coas proxeccións nas rúas do casco antigo de Compostela (Curtocircuíto na Rúa) e o I Mercado Internacional de Curtametraxes, que se celebrará na cidade, parello ao festival, así como varios obradoiros, destinados ao público interesado na formación audiovisual.

Segundo salientou hoxe o Concello compostelán, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela "está a situar á cidade no panorama nacional e europeo dos festivais de curtas e tense convertido nunha plataforma de promoción para novos talentos do sector audiovisual".

Froito do convenio asinado hoxe, este festival será difundido e promocionado polo ente público galego a través de Onda Curta, o programa que a TVG dedica en exclusiva a esta modalidade cinematográfica. Asemade, a CRTVG comprométese á compra de dereitos de emisión de aquelas curtametraxes que resulten gañadoras das distintas seccións oficiais, tales como Compostela Curtocircuíto ou Compostela Plató, por un importe de cen euros minuto.

No acto de sinatura Benigno Sánchez destacou a súa "satisfacción por asinar este convenio cun Concello que se distingue pola labor de difusión da cultura". Neste sentido, lembrou a colaboración que xa existe noutro ámbito artístico, como é a difusión dun espazo semanal sobre a Real Filharmonía de Galicia.

Pola súa banda, Sánchez Bugallo lembrou o compromiso do Concello de Santiago co audiovisual, materializado no festival Cineuropa e, dende hai tres anos, no 'Curtocircuíto'. "Estamos moi satisfeitos do éxito desta iniciativa e agardamos que a colaboración coa CRTVG e a difusión que esta supón sirva para dar un novo impulso, e así en vindeiras edicións participen aínda máis directores, produtores e guionistas", apuntou.