PONTEVEDRA 24 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich (Alemaña) premiou o libro 'Paxaros na cabeza' editado por Kalandraka, coa distinción 'The White Ravens 2006' o que supón que a obra, escrita polo autor cubano Joel Franz Rosell e ilustrada pola portuguesa Marta Torro, formará parte dunha exposición no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia que comeza o vindeiro luns.
'Paxaros na cabeza' é un dos 250 libros infantís e xuvenís seleccionados para formar parte desta mostra, na que figuran obras en 32 idiomas procedentes de 47 países. Esta é a quinta ocasión na que a Biblioteca Internacional da Xuventude aposta por Kalandraka; outros libros destacados co 'White Ravens' foron 'Animais de compañía' no ano 2000, 'Tío Lobo' en 2001, 'Onde perdeu Lúa a risa?' en 2003 e 'Nunca Máis' en 2004.
O xurado recoñeceu a "calidade literaria e gráfica" de 'Paxaros na cabeza', que xa en 2005 obtivo o Premio La Rosa Blanca, outorgado pola Unión de Escritores e Artistas de Cuba.
PRESENCIA EN BOLONIA
Kalandraka terá o seu propio stand na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, á que acode por séptimo ano, para presentar as últimas novidades da súa producción en galego. Destacan as obras tituladas 'Smara', de Paula Carballeira, 'As luces que se acenden e se apagan', de Ramón Trigo, publicada en co-edición con Factoría K de Libros, e os álbumes da colección de cómic BD Banda, dirixida por Kiko Dasilva.
Ademais, Factoría K de Libros -selo editorial galego recentemente creado ao abeiro de Kalandraka- estréase no escaparate internacional. Despois de Bolonia, os seguintes destinos no que ámbalas firmas exhibirán as súas respectivas creacións, serán as feiras de Tokyo (Xapón), Beijing (China), Frankfurt (Alemaña) e Guadalajara (México).
Froito desta experiencia no estranxeiro, os libros de Kalandraka téñense traducido a linguas como xaponés, coreano, inglés e brasileiro. A editorial acudirá a Bolonia para pechar acordos con editoriais de Israel, Francia, Italia, Xapón, Brasil e Reino Unido.